O PSOE de Monterroso logra o respaldo do pleno para reclamar vivenda pública e máis transparencia

LugoXa
Rafael García criticou a falta de rumbo do equipo de Goberno, ao que acusou de carecer de proxecto, de iniciativas e dun orzamento actualizado
Rafael-Garcia-PSOE-Monterroso
27 Jun 2025

O PSdeG-PSOE de Monterroso conseguiu no último pleno municipal o apoio da corporación para sacar adiante dúas propostas clave.

A primeira esixe á Xunta de Galicia que rectifique a súa postura e acepte os 380 millóns de euros do Plan Estatal de Vivenda 2025-2028 ofrecidos polo Goberno central, ao tempo que impulsa un novo Plan Galego de Vivenda Pública en colaboración cos concellos. A segunda iniciativa aprobada busca garantir que os acordos plenarios sexan efectivamente executados e publicados no Portal de Transparencia do Concello.

A moción sobre vivenda lembra que Galicia se atopa á cola de Europa en número de vivendas sociais e que máis de 22.000 familias están en lista de agarda para acceder a unha delas. Por iso, os socialistas instan ao Goberno galego a non deixar pasar esta oportunidade de financiamento estatal e a asumir as súas competencias en materia de vivenda pública.

No tocante á segunda moción, o voceiro socialista Rafael García reclamou ao Executivo local que cumpra coa súa obriga legal de executar os acordos aprobados polo pleno, informando do seu grao de cumprimento e garantindo a súa visibilidade no Portal de Transparencia. García subliñou que “o Pleno é o máximo órgano de representación política da veciñanza” e que, en contextos de fragmentación como o actual en Monterroso, “a obrigatoriedade de facer valer os acordos plenarios é aínda máis relevante”.

Durante a quenda de rogos, o grupo socialista volveu levar ao pleno a situación da gardería infantil, preguntando pola falta de resposta á solicitude das familias para manter unha reunión coa alcaldía. Segundo denunciaron, o Goberno local limitouse a anunciar unha reunión coa comisión de baremación, sen achegar prazos nin solucións concretas. “É preocupante que nin sequera escoiten ás nais e pais que levan tempo pedindo ser recibidos”, advertiron.

Rafael García criticou a falta de rumbo do equipo de Goberno, ao que acusou de carecer de proxecto, de iniciativas e dun orzamento actualizado. “O único que destaca é a propaganda constante nas redes sociais do Concello, mentres a xestión real permanece paralizada”, afirmou. O socialista puxo en valor o papel da oposición, que, ao seu xuízo, lidera a acción política no municipio. Tamén destacou que “o Plan da Deputación 2023-2025 achega preto dun millón de euros a Monterroso, sendo esta administración a que máis está a investir no noso concello con moita diferenza”.

As iniciativas aprobadas amosan, segundo o PSdeG-PSOE, que a acción política en Monterroso está a ser liderada pola oposición, fronte a un Goberno municipal que consideran centrado na propaganda e afastado das demandas reais da veciñanza. O grupo socialista comprométese a seguir traballando con propostas e responsabilidade, fronte a un executivo que, din, “nin goberna nin escoita”.

⚙ Configurar cookies
0.17086100578308