O PSOE de Outeiro de Rei denuncian o incumprimento da lei en materia de orzamentos
O Grupo Municipal Socialista de Outeiro de Rei denuncia a preocupante falta de xestión do alcalde, quen non só segue sen levar ningunha moción nin iniciativa aos plenos municipais, senón que, ademais, admitiu publicamente o incumprimento da Lei en materia de Orzamentos.
Durante o último pleno celebrado este xoves, afirma a voceira do PSdeG no municipio, Carmen Acacio, o alcalde recoñeceu con total despreocupación que "evidentemente non cumprimos a Lei, pero como ultimamente en España as leis están para non cumprir, así de sinxelo. E mire se é grave o que acabo de dicir. Gravísimo". Esta declaración, que reflexa un claro desprezo pola legalidade, “é unha mostra da súa incapacidade para xestionar con responsabilidade o goberno municipal e garantir o benestar da cidadanía de Outeiro de Rei”.
Os socialistas denuncian que esta actitude de inacción e desleixo está a frear o desenvolvemento do concello. "Non só temos un alcalde que non presenta iniciativas para mellorar o municipio, senón que tamén recoñece abertamente que incumpre a Lei en materia de orzamentos. Isto é unha gravísima falta de responsabilidade, e non pode quedar impune", sinala a voceira do Grupo Socialista.
"Os Socialistas si traballan polos veciños e veciñas de Outeiro de Rei"
"Fronte á inacción do alcalde, o Grupo Municipal Socialista de Outeiro de Rei segue comprometido co benestar da veciñanza, presentando propostas concretas para mellorar a calidade de vida no concello", din.
Neste sentido, os socialistas presentaron unha moción instando ao equipo de goberno a que se considere nos orzamentos 2025 unha provisión de gasto para axudas destinadas aos gastos das medicións do gas radon nos fogares, axudas para a instalación de instalación de medios para eliminar o gas radon e a organización de charlas informativas ao respecto deste tema para sensibilizar e informar sobre os riscos deste gas e como mitigalos, coa participación de técnicos especializados no tema.
“Os socialistas demostramos coas nosas propostas que estamos comprometidos cos problemas reais da veciñanza, buscando solucións concretas que melloren a súa calidade de vida", indica Acacio.
Falta de resposta ante cuestións clave para o municipio
Ademais, durante o último pleno, o Grupo Socialista tamén formulou dúas preguntas clave ás que o equipo de goberno non deu resposta. Preguntouse pola enquisa realizada ás empresas do polígono industrial, cuxos resultados poderían ser cruciais para mellorar a situación económica e o desenvolvemento empresarial no concello. Tamén se solicitou información sobre a licitación da cafetería da piscina municipal, “que durante este verán explotou unha persoa elixida polo equipo de goberno, sen posibilidade de que outras persoas ou empresas interesadas puideran presentar as súas ofertas”.
"A falta de respostas por parte do alcalde e o seu equipo é unha mostra máis do seu desleixo e da súa falla de compromiso cos veciños de Outeiro de Rei", subliñaron os socialistas, quen reiteran o seu compromiso de seguir traballando para garantir unha xestión transparente e eficaz no concello.
O Grupo Municipal Socialista seguirá a defender os intereses de todos os veciños e veciñas de Outeiro de Rei e continuará a fiscalizar a actividade do goberno local para que se respecte o marco legal e se dean solucións aos problemas que afectan ao concello.