O PSOE de Outeiro de Rei felicita ao Concello por presentar alegacións ao parque eólico a iniciativa socialista

LugoXa | TerraChaXa
O PSdeG insiste en que esta alternativa debe ser estudada con rigor, tal e como xa aconteceu noutros concellos da contorna
PSOE Outeiro Rei Carmen Acacio
13 Feb 2026

O Grupo Municipal Socialista de Outeiro de Rei logrou que o Concello presente alegacións ao proxecto da liña de Alta Tensión Cordal-Ousá ao seu paso polo municipio, tras as reclamacións da veciñanza afectada e a iniciativa das socialistas de solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario para garantir que o Goberno municipal actuase antes do remate do prazo administrativo.

Así o explicou a voceira socialista, Mª del Carmen Acacio, que recibiu información do Goberno municipal de que adoptaran esta decisión en Xunta de Goberno ao día seguinte de que as socialistas rexistrasen a solicitude de pleno extraordinario. O Grupo Municipal considera que este paso responde tanto á mobilización da veciñanza como á iniciativa do PSdeG para que o Concello asumise a súa responsabilidade ante un proxecto que, segundo advirten, “ten un impacto directo sobre o territorio, ás vivendas e ás explotacións agrarias de Outeiro de Rei”.

Mª del Carmen Acacio subliña que “é unha boa noticia para Outeiro de Rei. Celebramos que o Concello actúe en defensa da veciñanza ante unha infraestrutura que ten un impacto evidente no noso municipio”, e lembra que as persoas afectadas levan semanas reclamando unha alternativa máis respectuosa, como o soterramento da liña ao seu paso por Outeiro de Rei.

O PSdeG insiste en que esta alternativa debe ser estudada con rigor, tal e como xa aconteceu noutros concellos da contorna. “En Castroverde soterráronse varios quilómetros desta mesma infraestrutura e non hai razón para que Outeiro de Rei reciba un trato diferente”, sinalan.

A formación socialista asegura que continuará facendo seguimento deste procedemento e esixindo transparencia e firmeza ao Goberno municipal na defensa dos intereses da veciñanza. “Non imos permitir que se adopten decisións que condicionarán o noso territorio durante anos sen esgotar todas as alternativas posibles”, concluíu Acacio.

⚙ Configurar cookies
0.083981037139893