O PSOE de Outeiro de Rei pide un pleno urxente para tratar o soterramento da liña de alta tensión Cordal-Ousá

LugoXa | TerraChaXa
O prazo para presentar alegacións remata o 12 de febreiro e o Concello podería quedar fóra do procedemento administrativo
Imaxe recurso de eólicos
8 Feb 2026

O Grupo Municipal Socialista de Outeiro de Rei, a través da súa voceira Mª del Carmen Acacio, vén de solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar con carácter urxente a presentación de alegacións ao proxecto da liña de Alta Tensión aérea Cordal-Ousá ao seu paso polo municipio, cuxo prazo remata o vindeiro 12 de febreiro.

Dende o PSdeG advirten de que, se este pleno non se celebra antes desa data, o Concello perdería a oportunidade de personarse formalmente no procedemento administrativo e de defender os intereses xerais da veciñanza afectada. Ademais, a formación afirma que se trata dun proxecto que está a xerar unha fonda preocupación na cidadanía polo seu impacto ambiental, paisaxístico e social.

A moción presentada polos socialistas lembra que o proxecto opta por unha solución aérea para a liña de alta tensión, malia que existen alternativas técnicas viables como o soterramento da infraestrutura, que permiten reducir de forma significativa os efectos negativos sobre o territorio e a poboación. “A lexislación vixente establece que este tipo de instalacións deben proxectarse minimizando o seu impacto ambiental e territorial”, salientan.

O PSdeG destaca, ademais, que noutros concellos afectados por esta mesma liña xa se acadaron solucións máis respectuosas co territorio. En concreto, no Concello de Castroverde a liña discorre soterrada e no de Rábade tamén está previsto o soterramento da infraestrutura, o que demostra que esta opción é técnica e economicamente viable e que non existe xustificación obxectiva para un trato diferente no caso de Outeiro de Rei.

A través desta iniciativa, o Grupo Municipal Socialista reclama que o Concello se implique activamente no procedemento, presente alegacións en prazo e inste á administración competente e á empresa promotora a aplicar no municipio a mesma solución técnica xa adoptada noutros puntos da contorna, garantindo un trato equitativo e a protección da veciñanza afectada.

Dende o PSdeG sinalan que, a día de hoxe, o goberno municipal aínda non deu resposta á solicitude de convocatoria deste pleno extraordinario, malia a importancia de celebralo antes de que remate o prazo administrativo para a presentación de alegacións.

⚙ Configurar cookies
0.080071926116943