O PSOE de Outeiro demanda un área de esparcemento en Mosteiro
A voceira do PSdeG de Outeiro de Rei, Carmen Acacio, informa de que rexistrou unha proposta, que será debatida na vindeira sesión plenaria, para que o Concello realice as xestións necesarias para construír un parque infantil e de adultos na parroquia Mosteiro, e poida equipararse ao resto de urbanizacións do municipio.
Explica que presentou esta proposta “tralo o aumento de poboación que ten experimentado esta parroquia, probablemente polo desexo da cidadanía de trasladarse a vivir da cidade ao campo e pola súa cercanía á capital da provincia”. “Os socialistas comprobamos que hai moitas carencias en canto a servizos relacionados co lecer infantil e familiar” neste núcleo, no que “debería haber espazo para instalar un ximnasio ao aire libre. Sería un lugar de convivencia, tanto para os cativos, como para os seus proxenitores e familiares adultos”, explicou.
Por outra banda, Carmen Acacio tamén interpelará ao PP para coñecer as propostas e iniciativas nas que está traballando o equipo de goberno para a promover as enerxías renovables entre a veciñanza de Outeiro de Rei.
Por outra banda, e tralas actuacións realizadas na senda Peonil e ciclista de Guillar e Bonxe, a concelleira socialista quere saber se o Concello ten previsto algunha adecuación similar máis para a adaptación doutras vías municipais aos novos retos relacionados co uso de vehículos non contaminantes, como son a bicicleta ou o monopatín.