O PSOE de Palas de Rei acusa ao Goberno de falta de compromiso cos servizos públicos

O Grupo Municipal Socialista de Palas de Rei denuncia que o Partido Popular votase en contra de tres das catro mocións presentadas no pleno deste xoves, todas elas centradas en melloras esenciais para a veciñanza en materia de servizos, territorio e transparencia. A única proposta aprobada foi a relativa á apertura da biblioteca pública, que contou co apoio unánime da corporación.
Desde o PSdeG de Palas celebran este acordo, mais subliñan que agora cómpre pasar das palabras aos feitos: “O goberno local recoñeceu que practicamente todo está listo. Agardamos que a apertura sexa efectiva nun prazo breve e con recursos suficientes para garantir o seu funcionamento”.
Pola contra, as propostas para resolver os persistentes problemas no subministro de auga, regular as infraestruturas de telefonía móbil e reforzar a transparencia foron rexeitadas polo grupo municipal do PP. A voceira socialista, Ana M. Corredoira, cualificou esta postura como unha mostra de “falta de vontade para avanzar na defensa dos dereitos básicos da veciñanza e na protección do territorio”.
A moción sobre o abastecemento de auga foi unha das máis significativas da sesión. O Partido Popular, por primeira vez, recoñeceu publicamente a existencia dos problemas de presión e turbidez que afectan a varias zonas da vila, tras anos negándoo en sesións plenarias. “É positivo que finalmente admitan o problema, pero o máis importante é garantir solucións urxentes”, apuntou Corredoira, que confirmou que o PSdeG fará un seguimento activo deste asunto ata que se resolva.
Outro dos temas destacados foi a proposta para regular as antenas de telefonía móbil, tras o malestar expresado pola veciñanza de Vilareda ante a instalación dunha torre a escasos metros das súas vivendas. A moción propoñía elaborar unha ordenanza municipal que tivese en conta criterios de distancia a zonas sensibles, impacto visual e protección ambiental. “O cumprimento da normativa estatal non pode ser escusa para desatender a protección do territorio”, sinalan desde o grupo socialista.
A cuarta moción, centrada na mellora do acceso á información pública e na actualización da web municipal, tampouco recibiu o apoio do PP. Desde o PSdeG insisten en que a transparencia debe ser un piar básico da administración local e reiteran que seguirán traballando para garantir que a veciñanza poida exercer o seu dereito á información.
O pleno tamén acolleu un rogo impulsado polo PSdeG para solicitar reforzo do persoal sanitario no centro de saúde e no PAC durante os meses de verán. A pesar de que o texto parece saír adiante, os socialistas critican a actitude do grupo popular, que “se nega a recoñecer as carencias evidentes da sanidade pública, en liña co abandono que tamén practica o PP a nivel autonómico”. Corredoira advertiu que “non se pode mellorar a atención á veciñanza sen máis medios e sen un compromiso real coa sanidade pública”.
Desde o PSdeG de Palas de Rei aseguran que continuarán defendendo propostas construtivas e necesarias, “a pesar dos vetos e da falta de vontade política do goberno local”. “O noso compromiso é claro: seguir traballando por un concello máis xusto, transparente e comprometido co benestar da súa xente”, concluén.