O PSOE de Palas de Rei denuncia que non se celebran os plenos municipais

LugoXa
As socialistas denuncian que non celebrar os plenos "pon trabas á función que temos atribuída as concelleiras da oposición de controlar e fiscalizar a actuación dos órganos de goberno"
Ana Corredoira PSOE Palas
5 Dec 2024

Dende o PSOE de Palas de Rei denuncian o incumprimento por parte da Alcaldía do acordo acadado ao principio do mandato, relativo á periodicidade de convocatoria dos Plenos Ordinarios, un acordo que recollía o réxime destas sesións: a súa periodicidade (trimestral), o día de celebración e o horario.

Así, explican que o artigo 46 da Lei 7/1985, de 2 de abril, de Bases de Réxime Local, di que unha das regras ás que debe axustarse o funcionamento do Pleno das Corporacións Locais é a de que os municipios de ata 5.000 habitantes, deben celebrar sesión ordinaria como mínimo cada tres meses.

Ademais, o artigo 78 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, aprobado por Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, establece que son sesións ordinarias aquelas cuxa periodicidade está preestablecida, non podendo exceder o límite trimestral citado.

A fixación desa periodicidade implica que, tanto os membros da Corporación como o público en xeral, coñecerán coa antelación suficiente o día e hora concretos no que se celebrarán.

"O incumprimento deste acordo, que constitúe unha obriga para as Corporacións Locais, representa unha falta de respecto ao noso traballo, poñendo trabas á función que temos atribuída as concelleiras da oposición de controlar e fiscalizar a actuación dos órganos de goberno", critican as socialistas.

Así, din que transcorreron máis de dous meses, "tempo máis que prudencial para recibir unha explicación que a día de hoxe non chegou".

Porén, din, "non toleramos que esta circunstancia limite o noso labor e compromiso cos veciños e veciñas do noso Concello. Son varios os asuntos que tiñamos na axenda de traballo para o pleno que debería terse celebrado o pasado mes de setembro, e varias as preocupacións relativas á xestión municipal, como por exemplo, o estado no que se atopa a elaboración dos orzamentos para o vindeiro exercicio 2025. Ante esta situación, solicitaremos ao goberno local explicacións", conclúen.

0.1816828250885