O PSOE de Palas de Rei leva catro mocións ao próximo pleno municipal

O Grupo Municipal Socialista de Palas de Rei levará ao vindeiro pleno municipal catro mocións e unha pregunta dirixidas a mellorar a calidade dos servizos públicos e avanzar nun modelo de xestión máis transparente, responsable e centrado na veciñanza. A voceira, Ana M. Corredoira, subliña a importancia de dar resposta ás demandas da cidadanía sobre cuestións tan relevantes como o subministro de auga, a regulación das antenas de telefonía móbil, a apertura dunha biblioteca pública ou o acceso á información sobre a actividade municipal.
A primeira das mocións socialistas denuncia os recorrentes problemas no abastecemento da auga, tanto en termos de presión como de calidade, con episodios de turbidez que afectan mesmo ao sector hostaleiro da vila. A proposta socialista reclama a revisión e identificación dos puntos problemáticos e a corrección das deficiencias detectadas coa maior celeridade posible, garantindo así o acceso a un servizo básico e esencial.
A raíz do malestar expresado pola veciñanza de Vilareda ante a instalación dunha antena de telefonía móbil a escasos metros das súas vivendas, o grupo socialista propón no pleno a elaboración dunha ordenanza municipal que regule este tipo de infraestruturas. A moción busca compatibilizar o desenvolvemento tecnolóxico coa protección do territorio e da saúde pública, establecendo criterios claros sobre a localización destas instalacións, especialmente en relación á súa proximidade a vivendas, centros educativos, sanitarios ou bens patrimoniais. O PSdeG aposta por garantir a conectividade, pero sempre con garantías ambientais, visuais e urbanísticas que preserven a calidade de vida da veciñanza.
A terceira moción incide na necesidade de abrir de forma efectiva e definitiva a biblioteca pública, comprometida polo Concello en múltiples ocasións pero aínda sen materializarse. Os socialistas reclaman dotación de persoal cualificado, recursos suficientes e unha programación cultural propia, apostando pola biblioteca como espazo fundamental para a igualdade, a aprendizaxe e a participación cidadá. “Defender as bibliotecas é defender a cultura, a liberdade e o progreso. Son un recurso vital e fundamental para a sociedade que serven de referente cultural, lúdico e informativo”, engaden desde a agrupación.
Transparencia e acceso á información pública
O grupo socialista insiste na necesidade de reforzar a transparencia da administración local e garantir o dereito da veciñanza a acceder á información pública de interese xeral. A proposta responde á falta de actualización da web municipal, así como á limitada accesibilidade da información sobre a actividade do Concello. “Levamos toda a lexislatura reclamando máis transparencia e participación cidadá. A web está desactualizada e non cumpre coas mínimas obrigas legais”, sinalan desde o grupo socialista.
Os socialistas formularán no pleno unha pregunta sobre o posible interese de empresas en instalar plantas industriais de produción de biogás no termo municipal. A iniciativa recolle as inquedanzas transmitidas polo colectivo veciñal Berce de Ulloa, coa quen os socialistas mantiveron unha xuntanza o pasado 11 de xuño.
Ante esta alerta social, o PSdeG insta ao Concello a actuar con transparencia, a facilitar información veraz e a aplicar o principio de prudencia. “A nosa postura é moi clara: nunca apoiaremos un modelo de desenvolvemento industrial que represente unha ameaza para os intereses da veciñanza e do territorio”, engaden desde a agrupación.
“Estas iniciativas responden ao traballo serio e constante que facemos como oposición útil, pensando no benestar da veciñanza e na defensa do noso territorio”, conclúen os socialistas.