O PSOE de Palas rexistra unha moción pola defensa do territorio relativa ao proxecto de Altri
No último pleno do Concello de Palas de Rei, un dos puntos da orde do día ocupábao a moción rexistrada polo Grupo Municipal Socialista pola defensa do territorio que analiza a problemática ligada ao proxecto polo que Altri pretende instalar no concello unha macrocelulosa. Os socialistas propoñen un acordo con 3 puntos fundamentais, para instar á Xunta a cumprir cos compromisos europeos en materia de conservación de hábitats e protección da biodiversidade e retomar o traballo de ampliación dos espazos protexidos incluídos en Rede Natura 2000.
Tamén piden desenvolver normativas a favor da saúde ambiental, aliñadas cos obxectivos comunitarios en materia de desenvolvemento sostible, e defender os recursos, o noso tecido socioeconómico e a nosa calidade de vida fronte aos intereses económicos das industrias contaminantes que poñen en risco a sostibilidade social, económica e ambiental do noso territorio. Este acordo contou cos 8 votos en contra dos edís do grupo municipal popular.
Dende o grupo municipal socialista téñeno claro. “Fronte a un modelo industrial depredador dos recursos que configuran a nosa paisaxe, o noso territorio, amosamos o noso rexeitamento” e a “urxencia de abordar dende a política e o debate público cuestións como o modelo territorial que queremos”. E isto, “procurando un modelo de progreso e desenvolvemento integrador, rexenerador e sostible”.
Na mesma sesión preguntáronlle ao executivo local para confirmar, segundo asegura, que dende o Concello non se formulou ninguna alegación ou enmenda ao proxecto. En materia económica, presentouse en pleno a documentación correspondente ao expediente relativo á Conta Xeral do 2023. Unha abstención tamén motivada pola dinámica económica do executivo local, cuxa responsabilidade de redistribución dos recursos de forma obxectiva e planificada “vén limitada pola prorrogación dos orzamentos”. Isto implica o uso dunha ferramenta de xestión “desactualizada” que non recolle debidamente as necesidades do concello e obriga a realizar continuas modificacións de crédito para atender as necesidades, aseguran.