O PSOE de Palas seguirá "revisando toda a información relativa á Altri" pola preocupación da veciñanza

LugoXa
A candidata socialista de Palas de Rei, Ana Corredoira, mantivo un encontro na vila co Delegado do GobernO, José Ramón Gómez Besteiro,
8 Mar 2024

O Grupo Municipal dos Socialistas de Palas de Rei rexistrou a pasada semana a través da súa voceira local unha instancia dirixida ao executivo local, solicitando con carácter urxente unha reunión, motivada polos últimos acontecementos relativos á posible implantación da empresa lusa Altri no noso concello. Este encontro materializouse no día de hoxe, nunha xunta de portavoces.

"O noso grupo quería poñer sobre a mesa a súa preocupación e postura no escenario actual. O concello de Palas é un concello afectado dende o punto de vista administrativo, sen contar coas implicacións ambientais agora coñecidas, despois da publicación e apertura do período de información pública da solicitude de autorización ambiental integrada, do estudo de impacto ambiental, da declaración de utilidade pública e do proxecto para a implantación da factoría", din os socialistas.

Na contorna, e mesmo noutros territorios, "existe unha importante sensibilidade e preocupación, motivadas polo alcance e impacto dun proxecto destas características". Dende o grupo socialista defenden o lexítimo dereito de revisión e alegación por parte da veciñanza e persoas afectadas, e poñen o foco na necesidade de seguir este período "dende o rigor, a transparencia e a responsabilidade que lle corresponde ás distintas administracións".

Así, consideran totalmente desacertado e imprudente, verter información sobre a inexistencia de alegacións ou oposición, baseándose no suposto número de escritos dirixidos ao rexistro local. Ademais, entenden que tampouco "é axeitada nin oportuna a información correspondente á suposta entrega de currículos nas dependencias municipais. Tódolos datos ofrecidos en relación á creación de postos de traballo convertéronse nun reclamo ata a data sen fundamento, mesmo así se desprende dos informes publicados, e polo tanto, faltando ao rigor e coherencia necesarios nun proceso así, o cal  pode interferir coa percepción pública do proxecto", engaden dende o PSOE.

0.15350699424744