O PSOE de Portomarín acusa ao alcalde de facer un uso partidista das redes sociais municipais
A agrupación do PSdeG de Portomarín denuncia que o Concello está usando as redes sociais da institución con fins partidistas para facer propaganda do PP. O Voceiro municipal socialista, Marcos Arias, alerta de que esta fin de semana dende a conta oficial da entidade local se compartiron contidos das redes do Partido Popular, “un feito que nos parece gravísimo”.
Arias sinala que se lle deu difusión en Facebook e Instagram a unha publicación do PP provincial, cando esta conta debe estar “para dar información de servizo público e non de carácter partidista. As redes sociais das administracións públicas serven para ter unha canle de comunicación entre a propia administración e os veciños e veciñas, non para facerlle propaganda ao PP”.
“Rexeitamos completamente a inaceptable utilización que se está facendo das redes sociais do Concello de Portomarín, e pediremos explicacións no próximo Pleno”, indica. Así mesmo, adianta Arias que preguntarán quen é a persoa responsable do mantemento e actualización destas redes sociais.
“Pedímoslle a este Goberno que se poña a traballar dunha vez por todas para os veciños de Portomarín, en vez de facelo para o Partido Popular. É necesario que se atendan as problemáticas que temos, como contar cunha rede de auga de calidade ou facer melloras no colexio, entre moitas outras necesidades que están á espera de que o Concello reaccione e actúe”, afirma o socialista.