O PSOE de Portomarín acusa ao alcalde de non arranxar o patio do colexio antes do inicio do curso
A agrupación do PSdeG de Portomarín denuncia que o alcalde falta á súa palabra ao non arranxar o patio do colexio antes do inicio do curso. Os socialistas urxen ao Concello a que actúe ante esta situación que demostra “a pouca consideración e aprecio que os responsables políticos de Portomarín teñen polos nosos nenos e nenas”.
O voceiro dos socialistas na localidade, Marcos Arias, indica que a dirección do centro lle trasladou ao rexedor o deterioro das instalacións, e que el se comprometeu a telas acondicionadas antes de que os nenos e nenas volveran ás aulas. “Pero que nos atopamos? Pois que non se fixo nada, todo sigue no mesmo mal estado”, subliña.
“Non podemos deixar de estar moi decepcionados e anoxados polo comportamento do Concello de Portomarín que non fixo o mínimo esforzo en mellorar as instalacións do patio do colexio”, subliña. Ao tempo que lembra que dende o grupo socialista se rexistrou unha iniciativa ao respecto no Concello o 19 de xullo, pero que “por desgracia, atopamos que non se fixeron as actuacións necesarias, é unha situación lamentable”. Avanza Arias que a única institución que está actuando no colexio é a Deputación de Lugo, que estes días está realizando un mural na entrada do colexio cara o patio. “Nin o Concello nin a Xunta están facendo nada, deberían implicarse no benestar dos nosos nenos e nenas, que son iguais que os doutros concellos”, afirman.
O patio precisa que se arranxen os columpios que están rotos, que se mellore o chan dos columpios, que se acondicione o areeiro porque está impracticable e agora mesmo é perigoso para os pequenos e pequenas, que se arranxe a pista de xogo, e que se realice o mantemento necesario dos muros e as vallas de peche. “É unha mágoa ver como os nosos nenos e nenas que volven con moita ilusión ao colexio logo de varias semanas de vacacións se atopen co seu espazo de xogo nestas condicións”, indica Arias.