O PSOE de Portomarín acusa ao PP de bloquear o pleno e manter o Concello sen orzamentos

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín, a través do seu voceiro Sergio Vázquez, denunciou a actuación do goberno local do Partido Popular no pleno celebrado onte, correspondente ao mes de decembro, no que non se levaron a debate os orzamentos municipais anunciados previamente polo alcalde e no que tampouco se permitiu a discusión de dúas mocións de urxencia rexistradas polo PSdeG.
Segundo explican os socialistas, o rexedor decidira aprazar o pleno de decembro argumentando que precisaba máis tempo para pechar as contas municipais. Porén, na sesión celebrada onte non se presentou ningún proxecto de orzamentos nin se ofreceron explicacións sobre a súa ausencia ou sobre cando se prevé sometelos á consideración da Corporación. Sergio Vázquez criticou que “o alcalde atrasou o pleno poñendo como escusa os orzamentos, pero chegou o día e non os presentou. Cando lle preguntamos por eles, evitou responder e limitouse a dar evasivas, como fai sempre”.
Desde o PSdeG consideran especialmente grave esta situación, xa que Portomarín continúa a funcionar cos orzamentos de 2021, malia que o actual alcalde leva cinco anos á fronte do Concello. Para os socialistas, a falta de contas actualizadas impide avanzar na planificación de investimentos e na prestación de servizos básicos. “Un concello non pode avanzar sen orzamentos. Son a ferramenta esencial para organizar recursos e dar resposta ás necesidades da veciñanza, e a súa ausencia evidencia unha clara irresponsabilidade política”, advertiu o voceiro.
No mesmo pleno, o alcalde rexeitou a inclusión na orde do día de dúas mocións de urxencia presentadas polo Grupo Municipal Socialista, impedindo que fosen debatidas pola Corporación. O PSdeG cualifica ambas iniciativas de fundamentais para o municipio. A primeira delas reclamaba a cobertura inmediata da praza médica vacante no centro de saúde, así como o reforzo da atención sanitaria mentres non se produza a incorporación definitiva. Os socialistas lembran que a falta de médico é unha problemática recorrente en Portomarín, con xornadas sen atención ou con cambios constantes de facultativos, unha situación que afecta de maneira especial ás persoas maiores e que se agrava en épocas de maior afluencia turística.
A segunda moción propoñía incluír no Plan Único da Deputación a reparación e rexeneración da Rúa do Peregrino, unha vía que presenta un deterioro considerable, con fochancas que supoñen un risco para a circulación e que teñen provocado numerosas queixas veciñais. Vázquez subliñou que se trata dunha actuación “concreta, necesaria e viable”, financiable con fondos provinciais xa asignados ao Concello, e criticou que se impedise o debate dunha proposta orientada a mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza.
O PSdeG anunciou que volverá presentar ambas mocións no vindeiro pleno ao considerar que responden a necesidades reais de Portomarín e deben ser debatidas democraticamente. “Non imos desistir. Seguiremos defendendo a sanidade pública, os investimentos necesarios e unha xestión responsable. O alcalde non pode seguir bloqueando iniciativas nin gobernando a base de escusas mentres Portomarín continúa sen orzamentos e sen rumbo”, concluíu Sergio Vázquez.