O PSOE de Portomarín alerta do deterioro dos servizos de auga e recollida de lixo

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín, a través do seu voceiro Sergio Vázquez, denunciou un novo episodio de graves deficiencias nos servizos municipais de auga e recollida de lixo, unha situación que pon de manifesto a incapacidade do goberno local para garantir prestacións básicas en condicións dignas, pese ás reiteradas advertencias, denuncias públicas e promesas incumpridas do alcalde.
No caso da auga, os socialistas alertan dunha problemática “estrutural e xa crónica”, que se repite cada vez que chove e forma parte da vida diaria da veciñanza. “A auga sae amarela e turbia, con aspecto de barro. Non se pode beber, nin cociñar, nin lavar en condicións. A xente dúchase con ela porque non queda outra opción”, explican desde o grupo municipal.
O PSdeG lembra que o alcalde prometera hai máis de dous anos poñer fin aos problemas do abastecemento, sen que ata o momento se teña producido ningunha mellora. “O goberno local leva anos mirando para outro lado mentres a veciñanza sofre a falta dun servizo tan básico como ter auga potable na súa propia casa”, denunciaron.
Para os socialistas, o máis grave é a contradición entre a falta de solucións e a rapidez coa que se actuou para subir as taxas. “Para aplicar as subas si houbo présa. A finais de ano convocaron un pleno de urxencia para cobrar máis, pero non se fixo absolutamente nada para arranxar ningún dos dous servizos”, criticou Vázquez.
Neste sentido, o PSdeG lembra que votou en contra destas subas precisamente por esta razón: “Non nos opoñemos a actualizar prezos, pero primeiro hai que garantir prestacións dignas. O que non é aceptable é cobrar máis por servizos cada vez máis ineficientes. As subas xa están aplicadas, pero as condicións van cada vez a peor”, advertiu o voceiro.
A situación tampouco mellora no servizo de recollida de lixo, que o PSdeG considera deficiente e sen unha xestión adecuada. Segundo denuncian, a recollida non segue ningún criterio regular: hai días nos que non se presta o servizo, outros nos que se realiza de maneira irregular e, cando se producen interrupcións, estas prolonganse sen explicación. “Non existe unha planificación nin unha frecuencia mínima garantida, o que provoca contedores cheos durante días e un evidente malestar na veciñanza”, subliñan.
Os socialistas lembran que o Concello dispón dun camión novo de recollida compartido con Palas de Rei, pero denuncian que “en Portomarín practicamente non se ve. Durante o verán o goberno local xustificaba a situación polo aumento de poboación, pero agora, en pleno inverno, o servizo funciona igual ou incluso peor”.
Desde o PSdeG de Portomarín advirten que a situación da auga e do lixo é consecuencia directa da falta de proxecto e planificación do goberno do Partido Popular e lembran que levan meses denunciando estas deficiencias. “A auga potable e a recollida de lixo son dereitos básicos da nosa cidadanía e os seguiremos reclamando ata que sexan garantidos. Portomarín non pode resignarse a normalizar unha situación claramente inaceptable”.
“O alcalde ten que asumir responsabilidades e poñerse a traballar de inmediato. Primeiro hai que arranxar os servizos e despois falar de taxas. Portomarín necesita un goberno que dea solucións e non escusas”, concluíu Sergio Vázquez.