O PSOE de Portomarín critica a visita do conselleiro de Sanidade e denuncia a falta de atención médica

LugoXa
Os socialistas acusan á Xunta de priorizar aos peregrinos mentres a veciñanza leva meses sen médico fixo
Concello-de-Portomarín
14 Jul 2025

O PSdeG-PSOE de Portomarín manifestou o seu malestar pola visita recente do conselleiro de Sanidade ao municipio para presentar un servizo sanitario destinado aos peregrinos, co obxectivo de evitar colapsos no centro de saúde local.

Desde o grupo municipal socialista sinalan que resulta "insultante" falar de evitar o colapso cando moitas veces o centro de saúde nin sequera conta cun médico dispoñible, deixando aos pacientes sen atención sen previo aviso. Así o expresou o voceiro socialista, Sergio Vázquez, quen lamentou que “hai días nos que directamente non hai médico e as persoas acoden á consulta sen saber que non van ser atendidas”.

O PSdeG lembra que a situación da sanidade en Portomarín é crítica desde hai anos. Segundo indican, xa pasaron catro anos desde que quedou sen cubrir unha das dúas prazas de medicina de familia tras a xubilación dunha das profesionais. A médica titular restante atópase actualmente de baixa e os pacientes están a ser atendidos por distintos facultativos que se van alternando cada poucos días, o que provoca, segundo denuncian, unha total falta de continuidade e estabilidade na atención. “Non é normal que cada semana haxa un médico diferente, non se pode falar de atención digna nesta situación, responsabilidade directa da Consellería que leva anos sen dar solucións a Portomarín”, engaden.

Desde o grupo socialista local explican que levan meses reclamando en sesións plenarias a cobertura da praza vacante e unha solución definitiva para o centro de saúde. Critican, ademais, que o Partido Popular votase en contra destas propostas no último pleno, ao mesmo tempo que agora acompañan ao conselleiro “facendo ver que todo funciona correctamente”.

UN ACTO "PROPAGANDÍSTICO"

Respecto á visita institucional da pasada semana, o PSdeG cualifícaa como un acto meramente propagandístico no que, segundo apuntan, o alcalde limitouse a acompañar ao conselleiro sen esixir compromisos concretos nin informar á veciñanza das medidas que se prevén aplicar. “Dixéronnos que se trasladou a situación actual do centro de saúde, pero seguimos sen saber que decisións se tomaron nin en que prazo se van aplicar. Esiximos claridade e explicacións públicas”, reclamou Sergio Vázquez.

En relación co servizo anunciado para os peregrinos, os socialistas subliñan que non se trata de ningunha iniciativa nova, xa que nos últimos anos xa funcionara da man da Cruz Vermella. “Agora preséntano como unha gran novidade, pero o único que hai de novo é o espectáculo político que montaron”, apuntan desde o PSdeG.

Por todo isto, reiteran a súa demanda de que se cubra de forma inmediata a praza de medicina de familia vacante, que se dote o centro de saúde de persoal médico estable durante todo o ano e que o Concello adopte unha postura activa na defensa da veciñanza. “Atender aos peregrinos está ben, pero é inaceptable que se priorice aos visitantes mentres as familias de Portomarín quedan sen médico. A xente está moi enfadada e con razón. Portomarín merece unha sanidade pública digna, con solucións reais e non só con titulares”, insisten.

Os socialistas avanzan que no vindeiro pleno municipal volverán presentar unha moción para reclamar, unha vez máis, a cobertura inmediata da praza vacante. “Veremos se o alcalde e o PP esta vez apoian á veciñanza ou seguen agochándose detrás da Xunta”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.20579195022583