O PSOE de Portomarín critica a xestión do goberno do PP no Concello
Os socialistas de Portomarín criticaron hoxe "a deixadez e o pasotismo na xestión do Goberno de Juan Serrano no Concello, xa que como puidemos comprobar, trala celebración da sesión plenaria, constatamos que o PP é incapaz de defender os seus propios orzamentos que incumpren a lexislación vixente en canto ao Plan Estratéxico de Subvencións, así como os seus prazos de aprobación”, dixo a voceira socialista, Silvia Rodríguez.
A voceira advertiu ademais da "pouca empatía" do goberno do PP “cun dos tecidos máis importantes da nosa vila como son os gandeiros”. “Unha vez mais levantaron a man no pleno para votar en contra de incentivar con bonificacións aos gandeiros de Portomarín, e ao mesmo tempo pretende beneficiar a grandes empresas a través do convenio Doing business Galicia. Estas son as políticas e as prioridades de Juan Serrano, abandonar á veciñanza nun momento especialmente sensible trala pandemia da covid. En pouco tempo poderemos comprobar os resultados desta medida, e esperemos que non sexa como o proxecto de Coren que xa caducou ata a licencia”, critica.
Silvia Rodríguez tamén avanzou que o Grupo Socialista presentou unha proposta para solicitar a remodelación integral da páxina web, “co fin de que sexa accesible e con contidos útiles á cidadanía”. E noutra iniciativa solicitou “o acondicionamento da casa de cultura e do seu entorno, xa que é un edificio municipal en desuso e cunhas instalacións moi deterioradas, así como a biblioteca e todo o seu contido. Así como a mellora de varias pistas na parroquia de Soengas”.