O PSOE de Portomarín critica que o Goberno local convoque unha comisión sobre as contas de 2023

LugoXa
Os socialistas lembran que, desde a chegada de Pablo Rivas á Alcaldía no ano 2021, non se aprobaron uns novos orzamentos
concello-de-portomarin-casa-consistorial
25 Mar 2025

O grupo municipal socialista de Portomarín lanza unha dura crítica á xestión do alcalde, Pablo Rivas, ao que acusan de abandono nas súas funcións, despois de que o Concello viñese de ratificar as Contas do exercicio 2023, "incumprindo prazos fundamentais para un funcionamento institucional responsable".

“Estamos ante unha situación insostible. Levamos meses de demora, e agora o alcalde convoca unha comisión con carácter de ‘urxencia’ para aprobar unhas contas que debían estar pechadas antes do 1 de xuño de 2024. Iso non é urxencia, é neglixencia manifesta”, asegurou o voceiro socialista, Sergio Vázquez.

Desde o grupo socialista tamén censuran que o rexedor pretenda deslizar a súa culpa sobre o persoal funcionario. “Non pode escudarse nos empregados municipais para xustificar a súa propia inoperancia. A presión indebida que está a exercer sobre eles é totalmente reprobable”, engade Vázquez, quen reclama que o alcalde asuma de inmediato as súas obrigas como responsable máximo da administración local.

Os socialistas lembran que, desde a chegada de Pablo Rivas á Alcaldía no ano 2021, non se aprobaron uns novos orzamentos, funcionando sempre con contas prorrogadas e sen unha planificación financeira real. Ademais, denuncian que cada ano se repiten anomalías na tramitación das contas, con erros na documentación, expedientes incompletos e continuos atrasos, chegando ao extremo de convocar plenos extraordinarios sen motivo xustificado.

A carencia dunha xestión solvente está a provocar prexuízos significativos para Portomarín, pois o Concello queda fóra das liñas de subvencións autonómicas, impedindo así actuacións clave en infraestruturas, melloras de camiños e servizos esenciais. “O alcalde di que non perde axudas… claro, porque nin sequera as solicita. Pero quen perde son os veciños e veciñas de Portomarín, que ven frustradas oportunidades de desenvolvemento”, recalca o voceiro socialista.

Na actualidade, a Xunta de Galicia xa publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a maioría das convocatorias de axudas destinadas aos municipios, pero Portomarín non pode optar a ningunha delas por ter as contas sen aprobar, o que supón perder investimentos fundamentais para mellorar a calidade de vida da cidadanía.

O PSOE de Portomarín reclama que Pablo Rivas asuma a súa responsabilidade institucional e poña fin ao colapso administrativo que está lastrando ao municipio. “Non podemos permitir que Portomarín quede relegado por culpa dunha xestión inexistente. Os nosos veciños e veciñas merecen un goberno comprometido e eficiente”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16521406173706