O PSOE de Portomarín denuncia que o alcalde ignora a situación do servizo de auga
O grupo municipal socialista de Portomarín denuncia a preocupante situación que presenta a calidade da auga subministrada no concello, así como a resposta “totalmente inadecuada e desinformada” por parte do Alcalde tras un escrito presentado polos socialistas no Rexistro Municipal no que lle preguntaban polo estado da auga.
O voceiro do PSdeG en Portomarín, Marcos Arias, detalla que logo de solicitar explicacións sobre o estado da auga mediante o procedemento oficial, o Alcalde contestou que consultásemos as analíticas dispoñibles no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo (SINAC). “Pero a nosa sorpresa é que a última analítica rexistrada nesa plataforma data do 20 de maio, o que deixa en evidencia a falta de actualización e transparencia sobre un asunto de vital importancia para a saúde e o benestar da veciñanza”.
Diante desta situación, o Partido Socialista decidiu encargar unha análise independente da calidade da auga, cuxos resultados amosan unha realidade preocupante: os parámetros da auga están alterados, e esta non é apta nin para o consumo humano nin para realizar as tarefas cotiás nos domicilios, como cociñar ou lavar.
“Resulta inadmisible que, tras un escrito oficial, o Alcalde responda con evasivas e sen ofrecer información actualizada ou solucións áxiles para un problema que afecta directamente a toda a poboación. Preguntámonos en que localidade vive o alcalde, dado que parece alleo á realidade que sofren os veciños e veciñas de Portomarín”, manifesta Arias.
O Partido Socialista de Portomarín esixe accións inmediatas para garantir a subministración de auga potable e segura, ademais da actualización constante das analíticas a través das canles oficiais. “A saúde da veciñanza non pode seguir sendo ignorada”, afirman os socialistas.