O PSOE de Portomarín lamenta que o Goberno local rexeitara as súas mocións no pleno

LugoXa
Os socialistas consideran as mocións como "fundamentais para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio"
centro-saude-portomarin
28 Mar 2025

O Grupo Municipal Socialista de Portomarín expresou a súa indignación despois de que o goberno municipal rexeitara dúas mocións no pleno "fundamentais para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da vila".

A primeira moción, presentada polo voceiro socialista, Sergio Vázquez González, solicitaba a realización dun estudo integral sobre o estado das rúas de Portomarín, co fin de establecer un plan de obras cunha planificación clara e un orzamento realista. Esta proposta tiña como obxectivo mellorar a seguridade viaria e a imaxe da vila, que recibe milleiros de visitantes cada ano.

O Grupo Socialista leva anos denunciando o deterioro progresivo das rúas da localidade, como a Rúa do Peregrino, Rúa Compostela, Rúa do Miño e Avenida de Sarria, que se atopan en condicións lamentables. A situación destas vías é ben coñecida por toda a veciñanza, e mesmo polo propio alcalde, quen admitiu que as rúas non se atopan en bo estado, pero a pesar diso negouse a aprobar a moción para o seu arranxo.

A segunda moción, que tamén foi rexeitada, demandaba que a Xunta de Galicia cubrira de maneira inmediata a praza de médico vacante no centro de saúde de Portomarín, que leva sen substituto desde a xubilación da anterior facultativa. Ademais, solicitábase reforzar o servizo nos meses de maior afluencia de poboación.

A gravidade da situación quedou evidenciada esta mesma semana, cando o centro de saúde de Portomarín permaneceu sen médico durante duas xornadas, deixando sen asistencia sanitaria ás persoas que o necesitaban. "Esta situación resulta inaceptable nun municipio que depende deste servizo, e que tamén recibe numerosos visitantes e peregrinos ao longo do ano", conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.71238803863525