O PSOE de Portomarín reclama ao alcalde máis compromiso coa vivenda e a atención sanitaria

O PSdeG-PSOE de Portomarín denunciou no pleno municipal a pasividade do goberno local fronte a dous problemas clave para o futuro do concello: o acceso á vivenda e a deficiente atención sanitaria que sofren as veciñas e veciños do municipio.
Os socialistas presentaron dúas mocións. A primeira, relativa á vivenda, foi rexeitada polo PP, maila tratarse dunha “necesidade vital para Portomarín”, mentres que a segunda, sobre a crítica situación da sanidade no municipio, foi finalmente aprobada, aínda sendo “exactamente a mesma proposta que en marzo votaran en contra”, explicaron desde a agrupación.
A moción sobre vivenda instaba á Xunta de Galicia a aceptar os 380 millóns de euros ofrecidos polo Goberno de España no marco do novo Plan Estatal de Vivenda 2025-2028, que permitirían construír máis de 4.000 vivendas públicas protexidas en Galicia. Ademais, reclamaba a posta en marcha dun novo Plan Galego de Vivenda Pública, con participación das entidades locais, priorizando a construción en réxime de alugueiro e garantindo o carácter permanente da protección das vivendas.
A pesar da gravidade da situación, a moción foi votada en contra polo Partido Popular, demostrando unha vez máis que o goberno local non está disposto a poñerse do lado da veciñanza nin a esixir solucións á Xunta ante a emerxencia habitacional que afecta a Portomarín. “O PP antepón os intereses do partido aos dereitos da veciñanza. Esta moción trataba de garantir o acceso a unha vivenda digna para a mocidade, as familias e as persoas maiores. Non estamos a falar de ideoloxía, senón de dereitos fundamentais”, criticou o voceiro socialista, Sergio Vázquez.
En relación á sanidade, o PSdeG volveu levar a pleno unha moción xa presentada en marzo, daquela rexeitada polo PP, para reclamar á Xunta a cobertura inmediata da praza médica vacante no centro de saúde de Portomarín, así como o reforzo do persoal sanitario mentres non se cubra de maneira estable. “Esta praza leva sen cubrir desde hai catro anos, tras a xubilación da anterior facultativa, e a situación agravouse coa baixa da outra médica titular”, explicaron. Como consecuencia, a atención médica no municipio depende de profesionais distintos cada día e, nalgúns casos, directamente non hai médico dispoñible.
“O máis grave é que esta mesma moción xa a presentaramos en marzo e o PP votara en contra. Agora aproban o mesmo texto, pero o alcalde non ofreceu nin unha soa explicación das xestións que fixo. Non dixo nada. “É inaceptable que se siga xogando coa saúde da veciñanza mentres o alcalde cala e non dá ningunha explicación”, advertiu Vázquez.
Durante o pleno, o grupo socialista formulou varios rogos. Reclamaron o desbroce urxente das pistas municipais, que seguen sen limpar a pesar de estarmos xa en agosto, e demandaron o reforzo do servizo de limpeza viaria e de recollida de lixo ante a masiva afluencia de peregrinos e visitantes. Ademais, o voceiro interesouse polas xestións da alcaldía ante a Xunta para solucionar a falta de profesorado no colexio, xa que “este ano estamos exactamente na mesma situación que o pasado, e non se ve que o alcalde teña feito absolutamente nada”.
“Os socialistas imos seguir presentando propostas construtivas e sendo contundentes nas denuncias, porque non imos permitir que Portomarín siga quedando atrás mentres o alcalde fai seguidismo da Xunta e dá as costas á veciñanza”, concluíu Vázquez.