O PSOE de Rábade acusa ao Goberno local de "falta de planificación e de propostas" nos plenos

O Grupo Municipal Socialista de Rábade, a través do seu voceiro Alejandro Martínez, reclamou explicacións ao goberno local no Pleno celebrado este mércores "ante a falta de planificación na xestión municipal e a ausencia de propostas por parte do Partido Popular". O atraso da sesión, "finalmente convocada cun único punto na orde do día", e cuestións como os orzamentos municipais, a organización das sesións plenarias, a seguridade viaria, o custo das festas de agosto ou a falta de investimentos da Xunta centraron a intervención do PSdeG.
No que respecta á celebración de plenos, os socialistas preguntaron polos reiterados atrasos das sesións ordinarias, lembrando que no que vai de lexislatura apenas se respectaron as datas establecidas en dúas ocasións. A alcaldesa xustificou o atraso do Pleno de xaneiro asegurando que pretendían incorporar máis asuntos á orde do día, unha explicación que, segundo o PSdeG, queda en evidencia ao convocarse finalmente a sesión cun único punto. “Non se pode atrasar un Pleno alegando que se van traer máis propostas e acabar convocándoo practicamente sen contido”, criticaron.
Os socialistas preguntaron tamén cando ten previsto o goberno local presentar os orzamentos municipais, que deberían terse levado ao Pleno de novembro. “Estamos a finais de xaneiro e o Concello de Rábade segue sen orzamentos aprobados nin cun calendario definido para a súa tramitación”, advertiron. Neste sentido, criticaron que “cun goberno en maioría absoluta non hai ningunha escusa para non ter os orzamentos presentados e aprobados en prazo”, cualificando a situación de “lamentable” e de mostra dunha clara deixadez na xestión municipal.
No ámbito económico, o PSdeG volveu preguntar polo custo das festas de agosto, tras detectarse unha diferenza significativa nas cifras facilitadas polo goberno local. Hai dous meses, no Pleno de novembro, a alcaldesa cifrara o gasto en arredor de 30.000 euros, mentres que agora a contía ascende a 42.252 euros, o que supón unha diferenza superior ao 40%. Os socialistas consideran “moi preocupante” esta variación, especialmente tendo en conta que o Concello está baixo control da Xunta de Galicia. “Non estamos a falar dunha pequena diferenza, senón dun aumento moi significativo para un concello destas dimensións”, denunciaron.
En materia de tráfico, os socialistas formularon varias preguntas para coñecer cando ten previsto o goberno executar de maneira completa o plan anunciado, xa que ata o momento só se aplicou parcialmente na zona do campo da feira, precisamente a menos conflitiva. Reclamaron actuacións urxentes nas zonas máis sensibles, como a contorna do centro médico, da farmacia, do concello, do colexio e do instituto, e instaron ao executivo local a solicitar formalmente as actuacións necesarias tanto ao Ministerio de Transportes -no caso da avenida da Coruña- como á Xunta de Galicia -nas avenidas de Galicia e de Vilalba-.
O PSdeG puxo o foco na necesidade de mellorar a sinalización vertical e horizontal, a limitación real da velocidade, a iluminación e a seguridade dos pasos de peóns, lembrando a preocupación existente entre a veciñanza e os antecedentes de accidentes graves nestas vías.
Os socialistas pediron tamén explicacións das numerosas reunións promocionadas pola alcaldesa con conselleiros da Xunta de Galicia, preguntando que asuntos se trataron e que investimentos concretos se conseguiron para Rábade. A resposta foi que, polo momento, non hai ningún investimento comprometido. “Rábade non pode vivir de fotos nin de esperanzas, como dixo a propia alcaldesa. Necesita feitos e investimentos reais”, sinalaron, lembrando que as actuacións executadas actualmente no municipio proceden do Goberno central e da Deputación de Lugo.
A sesión abordou como única proposta do goberno local a modificación da ordenanza reguladora da taxa por tramitación de documentos e expedientes administrativos, coa incorporación dunha exención para entidades, asociacións e clubs no uso puntual de dependencias municipais. O PSdeG optou pola abstención ao considerar que a medida vai na boa dirección e supón unha mellora para o tecido asociativo local, pero advertindo de que a proposta carece do rigor necesario ao non contar cos correspondentes informes técnicos e xurídicos que avalen a súa legalidade, tratándose dunha ordenanza fiscal. “Faltaría máis que asociacións e colectivos tiveran que pagar por este tipo de tramitacións”, indicaron, ao tempo que reclamaron maior seriedade e planificación na elaboración e tramitación deste tipo de iniciativas.
“A actitude do goberno local no Pleno de hoxe volve evidenciar a falta de planificación e de proxecto para Rábade. Dende o PSdeG imos seguir reclamando explicacións, exercendo unha oposición responsable e defendendo os intereses da veciñanza”, concluíu Alejandro Martínez.