O PSOE de Rábade denuncia á alcaldesa por prácticas "contra os principios da democracia"

LugoXa | TerraChaXa
Alejandro Martínez explica que lle privaron da asistencia ao último Pleno porque cambiaron a data e só o comunicaron electronicamente
psoe-rabade-candidatura
Candidatura PSOE Rábade
18 May 2024

O voceiro municipal do PSdeG en Rábade, Alejandro Martínez, vén de elevar unha queixa á Valedora do Pobo contra a forma de proceder da alcaldesa, denunciando un comportamento que cualificou de “atentar contra os principios máis básicos da democracia”. Explica Martínez que lle privaron da asistencia ao último Pleno celebrado no municipio, porque cambiaron a data da sesión e só o comunicaron electronicamente a pesar dos problemas informáticos dos que el mesmo alertou.

“Menoscabouse o meu dereito, porque non se me permitiu participar na deliberación e na decisión que se adoptou na sesión da Corporación municipal”, reprochou o socialista no escrito que fixo chegar á Valedora. “Entendo que se me privou do meu dereito de exercer as funcións propias do cargo público representativo do que son titular por vontade dos electores do noso municipio, infrinxindo o principio constitucional de participación política, que é un dereito fundamental”, engadiu.

Relatou o socialista que o día no que estaba previsto que se celebrase o Pleno ordinario, o 8 de maio, chegoulle unha notificación a través da sede electrónica do Concello, á que non puido acceder por un “erro de privacidade”. O voceiro do PSdeG comunicoullo ao Secretario municipal, que lle referiu problemas informáticos e que se lle comunicaría cando estiveran resoltos. “Sen ter máis noticias ao respecto, o luns día 13 a Alcaldesa comunícame telefonicamente que o Pleno do mes de maio está a piques de comezar”, prosigue Alejandro Martínez. Tras explicarlle á Rexedora o problema da notificación, esta transmítelle que o resto da Corporación si puido acceder á convocatoria, non así ao contido documental dos asuntos a tratar, “procedéndose a celebrar a sesión plenaria sen a miña presencia”.

“Son membro da Corporación Local do Concello de Rábade e teño o dereito e o deber de asistir, con voz e voto ás sesións do Pleno, así como o dereito ao acceso á información e documentación correspondente aos asuntos que van ser tratados nos órganos dos que formo parte”, valora o socialista. Explica que, segundo a Lei, a convocatoria dunha sesión plenaria realizada pola Alcaldesa debe ser notificada aos concelleiros no seu domicilio, “sendo perceptiva dita notificación”.

O grave da situación, subliña Martínez, é que “tendo en conta os problemas informáticos alertados, deberíase ter informado de que tipo de comunicación se trataba dun xeito fidedigno. Cousa que non se fixo ata o momento mesmo da sesión plenaria por medio dunha chamada telefónica da Alcaldesa-Presidenta”.

Denuncia o socialista que a súa función de control do goberno municipal quedou truncada pola forma de proceder da Alcaldesa e que agora o grupo do PSdeG en Rábade vén de elevar unha queixa á Valedora do Pobo “coa finalidade de garantir os meus dereitos de participación política emanados do texto constitucional, así como os dereitos da veciñanza á que represento no Concello”. Pretende co seu escrito que se reprobe este comportamento da Rexedora “que atenta contra os principios máis básicos da democracia”, e subliñan os socialistas que avalían a posibilidade de tomar medidas máis drásticas ante outras institucións “para que esta situación non se repita no futuro”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18528914451599