O PSOE de Rábade denuncia a "grave situación" do Concello tras ser intervida a Conta Xeral

LugoXa | TerraChaXa
Así mesmo, o voceiro puxo o foco na falta de transparencia do goberno local. “Neste exercicio gastáronse máis de medio millón de euros e seguimos sen saber en que", dixo Alejandro Martínez
concello-rabade-casa-consistorial
25 Sep 2025

O Grupo Municipal Socialista de Rábade, a través do seu voceiro, Alejandro Martínez Campos, denunciou no pleno celebrado onte a grave situación que atravesa o Concello baixo o goberno do PP, marcada pola intervención das contas municipais, a renuncia do primeiro tenente de alcaldesa e o incumprimento da convocatoria da FEGAMP para gardar un minuto de silencio en solidariedade coas vítimas de Gaza. Os socialistas critican a falta de xestión e responsabilidade política da alcaldesa, que deixa á veciñanza nun escenario de inestabilidade económica e institucional.

Os socialistas votaron en contra da Conta Xeral de 2024, xa que foi intervida pola Xunta de Galicia por incumprir a normativa fiscal e contable. “Están presentando unhas contas que foron intervidas porque non se fixeron correctamente. A alcaldesa tenta negar a realidade, pero os feitos son claros: o Concello de Rábade está intervido por non cumprir as normas contables e fiscais”, advertiu Martínez.

Así mesmo, o voceiro puxo o foco na falta de transparencia do goberno local. “Neste exercicio gastáronse máis de medio millón de euros e seguimos sen saber en que. Pasamos de 1.196.828€ de existencias iniciais a 694.295€. Onde se gastaron eses cartos?”, preguntou.

No pleno, tratouse a renuncia de José Luis Novo Teijeiro, primeiro tenente de alcaldesa, que deixa o goberno local tras incorporarse á Comisión de Pequenos Concellos do PP. Neste sentido, Martínez advertiu que “o señor Novo marcha dous anos despois de chegar ao cargo, deixando atrás un goberno inestable e presidindo unhas contas que nos levaron á intervención. Felicitámolo polo seu novo posto, pero agardamos que agora, desde a Xunta, consiga algunha subvención para Rábade, porque ata o de agora as únicas axudas económicas que recibimos viron da Deputación de Lugo”.

O PSdeG-PSOE de Rábade lamentou que a alcaldesa non convocase o minuto de silencio en solidariedade coas vítimas de Gaza, promovido pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) o pasado venres 19 de setembro.

O voceiro denunciou que “a señora González non pode ignorar nin incumprir unha convocatoria tan clara da Federación, xa que forma parte da súa executiva. Nin ela nin ninguén do seu grupo organizaron o acto, e iso é inadmisible”.

Neste sentido, engadiu que “no pleno de hoxe a alcaldesa comprometeuse a organizalo máis adiante e a convidarnos, pero para nós chega tarde: ese minuto de silencio tiña que terse celebrado no momento en que a FEGAMP fixo o chamamento”.

“Estes feitos son unha mostra máis da descoordinación, a opacidade e a falta de responsabilidade política do goberno do PP, que está a condenar a Rábade á inestabilidade e a incerteza”, concluíu Martínez.

⚙ Configurar cookies
0.12311911582947