O PSOE defende que o sistema público de pensións sexa máis forte, xusto e sostible

O PSdeG-PSOE asistiu ao acto informativo sobre o presente e o futuro do sistema público de pensións aberto á cidadanía. O encontro, celebrado na Casa do Saber, contou coa presenza da secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez e da Secretaria Local do PSdeG-PSOE de Lugo, Ana Abelleira, e coa veciñanza de Lugo interesada na sustentabilidade do sistema público de pensións.
Participaron na cita o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández; a Tenente de Alcalde e concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Rocamonde; a Secretaria de Organización do PSdeG de Lugo, Pilar García Porto e o Secretario Xeral para o Pacto de Toledo e Inclusión Social do PSOE, Iván Fernández.
Durante o encontro, os representantes socialistas puxeron en valor as reformas impulsadas polo Goberno de España desde 2021, que permiten garantir a viabilidade do sistema sen recortes e reforzar os dereitos sociais.
O Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, abriu a xornada lembrando que o gasto en pensións está a cumprir cos obxectivos marcados polo Goberno, mantendo o poder adquisitivo dos nosos maiores. Sinalou que Lugo coñece ben os retos demográficos, e que o sistema público é esencial para garantir equidade e sustentabilidade.
Pola súa parte, Olga López destacou o compromiso do Concello coas persoas maiores mediante o programa “Acompañámoste”, pioneiro na loita contra a soidade non desexada, que chegou a máis de 3.000 persoas. Reivindicou o investimento municipal en servizos de coidados e subliñou que “non é un gasto, é unha inversión en persoas”.
Pilar García Porto, Secretaria de Organización do PSdeG na provincia de Lugo, fixo unha defensa firme do sistema público de pensións como alicerce de cohesión social e como ferramenta esencial para o desenvolvemento do territorio. Subliñou que en Galicia hai 775.000 persoas pensionistas, das cales máis de 104.000 residen na provincia de Lugo, polo que calquera decisión política nesta materia ten un impacto directo e profundo na vida da cidadanía.
Porto reivindicou o modelo da Deputación de Lugo en materia de servizos sociais, fronte á inacción da Xunta. Explicou que mentres o Goberno galego leva anos sen crear novas prazas públicas nas residencias de maiores, a Deputación desenvolveu un modelo baseado en pequenas residencias municipais, con atención personalizada e unha ratio próxima a un coidador por residente. Estas iniciativas, segundo apuntou, non só ofrecen benestar, senón que tamén xeran emprego e dinamizan a economía local a través da compra de produtos e servizos no propio concello.
Como exemplo, citou o caso do concello de Antas, onde 30 mulleres traballan no Servizo de Axuda no Fogar e outras catro nos servizos sociais. “Estas políticas permiten que os nosos maiores envellezan con dignidade e que moitas mulleres accedan ao emprego”, afirmou.
Rematou insistindo en que as pensións son un pacto entre xeracións e que a súa sustentabilidade depende de seguir impulsando emprego digno, igualdade e políticas valentes.
Pechou o acto Iván Fernández, Secretario Xeral para o Pacto de Toledo e Inclusión Social do PSOE, que fixo unha intervención centrada na solvencia do sistema e na defensa das políticas impulsadas polos gobernos socialistas. Declarou sentirse “orgulloso de militar no lugar axeitado, onde se fala de dereitos e se traballa para protexer ás persoas máis vulnerables”.
Fernández lembrou que, baixo gobernos do PP, o consenso do Pacto de Toledo foi substituído por unha comisión de expertos vinculados á banca e ás aseguradoras, cuxas propostas apuntaban á privatización parcial do sistema. “Onde nós vemos dereitos, eles viron negocio”, criticou.
Fronte a iso, destacou que grazas ás reformas impulsadas desde 2021, o sistema público é hoxe máis sólido, con máis ingresos e maior protección. A pensión media pasou de 1.090 a 1.503 euros, o que supón 5.486 euros máis ao ano para cada pensionista que se encontra neste tramo.
Tamén apuntou que a factura das pensións do mes de abril foi a máis elevada da historia, o que demostra o esforzo e compromiso do Estado. “Cando as pensións están garantidas, os veciños consomen máis e o país progresa”, afirmou, reivindicando que o modelo socialista combina sustentabilidade financeira con xustiza social.