O PSOE defenderá unha moción no Pleno para unha "xubilación digna" de avogados e procuradores
A área socialista do Goberno local defenderá no pleno ordinario deste mes unha proposición que apoia as reivindicacións do colectivo da avogacía e a procuración de acadar unhas condicións de xubilación parellas ao seu tempo de traballo. O documento insta ao Goberno a promover as modificacións normativas necesarias para establecer unha pasarela que permita a posibilidade puntual, individual e voluntaria, de que estes profesionais poidan recuperar as súas achegas ás mutualidades privadas con destino ao RETA. “Débese garantir a todos e todas as profesionais, en función dos seus anos de exercicio e cotización ás mutualidades, o dereito a unha pensión de xubilación mínima e digna, nas mesmas condicións que ao resto de traballadores e traballadoras cotizantes do RETA, incluídos aqueles que xa conforman as clases pasivas”, sinalou a voceira municipal, Paula Alvarellos.
A edil explicou que o seu grupo municipal quere amosar un apoio forte e decidido a un colectivo estratéxico para o correcto desenvolvemento do sistema xurídico e, polo tanto, fundamental para acadar que a Xustiza sexa real e efectiva para toda a cidadanía. “Na actualidade, estes profesionais, adscritos ou non á Quenda de Oficio, non teñen dereito á xubilación, véndose obrigados e obrigadas a prolongar indefinidamente a súa vida laboral, posto que as súas xubilacións son en contías, na maior parte dos casos, inferiores a unha pensión non contributiva, a pesar de cotizar durante toda a súa vida profesional”, explicou Alvarellos.
Ata o ano 1995 estes colectivos profesionais non podían darse de alta no sistema público de traballadores/as autónomos/as, coñecido como RETA. Obrigábaselles, como única opción posible, a adherirse a un sistema privado, ás mutualidades. Cando se abriu a posibilidade de adscribirse ao sistema público, a situación non mudou. Isto implica para os e as cotizantes nas mutualidades, que todo o achegado queda atrapado nesas entidades privadas.
Así mesmo, a iniciativa pide trasladar estes acordos á Xunta de Galicia, ao Goberno de España, a todos os grupos parlamentarios con representación no Parlamento de Galicia e no de España, así como ao Parlamento Europeo, ao Consello da Avogacía Galega, ao Consello Xeral da Avogacía Española e á Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións.