O PSOE demandará que os concellos xestionen o 15% dos fondos covid

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no Pleno unha iniciativa para que os concellos xestionen o 15% dos fondos covid.
equipo goberno deputacion
24 Abr 2021

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no Pleno ordinario deste martes unha moción, co fin de que se transfira ás Entidades Locais o 15% dos fondos europeos de loita contra da covid que vai percibir de Europa (fondos REACT-EU). Remarcan que o Goberno de Feijóo ten as competencias. “A Xunta ten uns orzamentos de 11.500 millóns de euros, e recibiu aproximadamente 1.100 millóns de euros do Goberno e da UE e nin tivo en conta ós concellos á hora de empregalos, nin ten explicado suficientemente os criterios e as accións desenvolvidas”.

A través desta iniciativa o PSdeG demanda ademais “que o 15% destes fondos se destinen a axudas directas para pemes e autónomos/as, e que a distribución dos mesmos se faga dacordo coa poboación dos Concellos e que se busque unha fórmula obxectiva similar para as Deputacións”.

Advirten que “o silencio por parte do Goberno de Feijóo foi o que acompañou a petición de medidas para loitar contra a segunda ola da pandemia, cando pedimos dende a Deputación de Lugo expresamente que a Xunta abrise unha liña de colaboración e información cos concellos, e que coordinara con eles as medidas que afectaban ós peches ou restricións horarias da actividade hostaleira”, critican.

Medidas para a apoiar ás familias e as empresas do Estado

Así as cousas, e ante o alcance dos efectos económicos da pandemia, o Goberno de España ten adoptado diferentes medidas para apoiar a cidadáns e empresas. En xuño do ano 2020 habilitou un fondo COVID-19 dotado con 16.000 millóns, cas Comunidades Autonómicas como perceptoras exclusivas. As CCAA percibiron ademais 300 millóns adicionais para Sanidade e Servizos Sociais a través do Fondo Social Extraordinario. O pasado mes de marzo, O Goberno habilitou 11.000 millóns máis en medidas para o comercio, sector turístico, hostalaría e autónomos. Destes fondos, 7.000 millóns serán xestionados polas CCAA, que percibirán tamén 8.000 millóns adicionais para Sanidade, Educación, Empresa e Política Social procedentes do Fondo REACT-EU.

“Entendemos que tanto os Concellos como as Deputacións teñen acreditado ser as administracións máis eficaces. E son tamén as primeiras ás que recorren os e as cidadáns, en tempos de normalidade e, moito máis, en tempos de crise como os actuais. Por iso é preciso lembrar que a dia de hoxe Feijóo non se reuniu nin con a FEGAMP, nin cas Deputacións, nin cos concellos para abordar estratexias de loita contra a pandemia, polo tanto, négalle ás administracións locais a cogobernanza que o Goberno do Estado pon a súa disposición”, sinalan.

0.19834208488464