O PSOE denuncia novos días sen médico no centro de saúde de Baleira

O PSdeG-PSOE de Baleira, a través do seu voceiro José Tellado, denunciou que o centro de saúde do municipio volverá quedar sen atención médica durante varios días a vindeira semana, unha circunstancia que, segundo advirte, se repite de maneira habitual e provoca un grave prexuízo para a veciñanza, especialmente nun concello rural cunha poboación maioritariamente envellecida.
De acordo coa información recompilada polo propio voceiro socialista tras informarse directamente no centro sanitario, o luns 19 e o mércores 21 non haberá médico dispoñible. Pola súa banda, o martes 20 e o xoves 22 a asistencia sanitaria limitarase a unha única consulta en media xornada, cunha cobertura reducida a catro horas de servizo.
Esta carencia de persoal médico, segundo sinala o PSdeG, deixa ás veciñas e veciños de Baleira nunha situación de clara indefensión, xa que se ven obrigados a desprazarse ata o Punto de Atención Continuada, asumindo distancias e tempos de espera que poden resultar especialmente perigosos en casos de urxencia.
José Tellado advirte tamén de que a presenza de persoal sanitario o venres non está garantida e que todo indica que o centro podería quedar novamente sen atención médica esa xornada. Un escenario que cualifica de insostible e que, ao seu xuízo, evidencia unha falta de respostas eficaces por parte da Xunta de Galicia ante un problema que se reproduce con demasiada frecuencia.
O voceiro socialista denuncia o que considera un abandono da sanidade pública no rural por parte do Goberno galego e afirma que non se pode asumir como algo normal que un centro de saúde permaneza pechado ou sen médico. Desde o PSdeG-PSOE de Baleira reclaman solucións inmediatas e unha planificación estable que garanta a presenza continuada de profesionais sanitarios, poñendo fin á precariedade asistencial que sofre o municipio.
Os socialistas aseguran que non van normalizar esta situación nin permanecer pasivos mentres, segundo sosteñen, se vulnera o dereito da veciñanza a unha atención sanitaria pública, digna e de calidade, advertindo de que seguirán alzando a voz fronte á falta de planificación sanitaria da Xunta de Galicia.