O PSOE denuncia o abandono de Monterroso e a falta de planificación do Goberno local

O grupo municipal Socialista de Monterroso denunciou no pleno a situación de abandono que vive o municipio, no que a maior parte dos espazos públicos permanecen desatendidos.
Rafael García criticou ao Goberno local, ao que cualificou de “esgotado” e sen ningunha planificación ou proxecto para responder ás necesidades actuais nin definir un rumbo claro para o futuro. O voceiro afirmou que Monterroso “nunca estivo tan abandonado como agora”, e destacou o deterioro das beirarrúas, das zonas verdes e o mal estado das aceras, unha percepción compartida pola veciñanza que ve como a situación empeora ano tras ano.
Durante o pleno, o PSdeG presentou varias iniciativas, entre elas un rogo para mellorar o acceso ao núcleo de Podente e unha pregunta sobre a política laboral do Concello. No caso do acceso, as veciñas e veciños estiveron presentes para escoitar a resposta do alcalde, quen, segundo García, “nin sequera leu o rogo completo” e mostrou unha actitude indiferenza, pasando sen compromiso a outro punto. Esta postura xerou gran malestar entre os asistentes, con reproches directos ao rexedor, que o voceiro describiu como “un auténtico déspota”.
Respecto á política laboral, o PSdeG alertou da crecente cantidade de sentenzas xudiciais desfavorables para o Concello por vulneración de dereitos laborais, con indemnizacións que poden acadar os 20.000 euros. García lamentou tamén as críticas do alcalde sobre o complemento salarial durante as baixas médicas, cualificando esas declaracións como “un desprezo absoluto polos dereitos laborais máis básicos”.
Ademais, o PSdeG destacou o abandono das infraestruturas municipais básicas, como as beirarrúas, zonas verdes e casas rurais sen mantemento, situación que incomoda especialmente á veciñanza e aos visitantes habituais. O grupo fixo fincapé na falta de orzamentos desde 2023 e na parálise da planificación económica, o que agrava a situación de descoido e improvisación que sofre Monterroso, segundo García, que concluíu que “quen o sofre é o pobo, que xa se decatou de que isto non funciona”.