O PSOE do Corgo demanda unhas axudas maiores para o tecido empresarial da vila

LugoXa
Francisco Otero demandou unha maior implicación nas axudas ás empresas da vila, co fin de eximir do pago do recibo de auga, lixo e saneamento.
hostalaria terrazas covid
4 May 2021

O Voceiro do PsdeG-PSOE do Corgo, Francisco Otero Besteiro avanzou que defendeu unha moción, na pasada sesión plenaria, para demandar ao concello “que se implique nas axudas ao tecido empresarial da vila, co fin de que exima ós negocios de hostaleira, xunto co resto do tecido comercial do concello, do pago do recibo de auga, lixo e de saneamento”. “Incomprensiblemente esta proposta foi rexeitada polo Goberno Municipal, ademais de contar co voto en contra do propio Alcalde, que exerceu o seu voto de calidade nesta ocasión”, replicou o voceiro.

Otero Besteiro lembrou que “na nosa provincia a maioría de concellos impulsaron e aprobaron iniciativas neste sentido sobre o exención do pago destes recibos, como por exemplo nos Concellos de Burela, Cervo ou Viveiro. Por iso agora é o Alcalde e todo o seu Goberno o que debe dar explicacións a tódolos afectados sobre este asunto”, insistiu.

O voceiro argumentou ademais que a Agrupación Socialista do Corgo propuxo en distintas ocasións a través de varias iniciativas, axudas económicas para tódolos afectados, “e sempre vamos a seguir defendendo propostas nese sentido, co fin de que contribúan a dinamizar o tecido económico e o pequeno comercio da nosa vila. Por iso queremos lembrar que tamén recibimos queixas do pequeno comercio local e dos hostaleiros, xa que non puideron acceder a outro paquete de axudas económicas que aprobou o Concello polos inconvenientes burocráticos para xustificar as axudas económicas”, advertiu.

Melloras de cobertura telefónica e tv

Nesta sesión plenaria debatéronse outras propostas socialistas para que o Concello “inste aos operadores telefónicos para que doten o noso Concello dunha mellor infraestrutura para conseguir unha mellor cobertura e un bo servizo. E tamén para que o Concello solvente e revise as avarías nos repetidores da televisión ou si se require a colocación de antenas especiais, co fin de mellorar a cobertura da tv e da telefonía”.

Limpeza de cunetas

No apartado de rogos o Grupo Socialista reclamou ao Concello “que proceda de inmediato a limpeza de cunetas e tubos coa maior celeridade posible. Xa solicitamos fai anos un programa de conservación de estradas e camiños municipal, e tal e como podemos comprobar nas nosas parroquias este plan é inexistente, por iso insistimos e demandamos melloras e adecentamento dos camiños municipais”.

Sinal con centros de interese

Otero Besteiro solicitou tamén “que se coloquen na N-VI unha sinal indicativa coa ubicación das farmacias, centro de día, centro sociocultural e punto de atención a infancia, entre outros".

0.17206907272339