O PSOE esixirá na Deputación que a Xunta corrixa o proxecto da Ronda Leste

LugoXa
Os socialistas levarán ó Pleno da Deputación unha moción esixindo á Xunta que “corrixa as graves irregularidades” do proxecto da Ronda Leste.
Rolda Leste Rato portada
24 Abr 2023

O PSdeG reclamará a través dunha moción que o Goberno galego tramite e aprobe unha nova Declaración de Impacto Ambiental porque a que presentou está caducada; que adecúe o trazado ó establecido no PXOM de Lugo; que elabore e aporte un Estudo de Impacto e Integración Paisaxística conforme á Lei de Protección da Paisaxe de Galicia e que elimine os impactos críticos do trazado no entorno do Rato.

O Grupo Provincial Socialista levará ó vindeiro Pleno da Deputación de Lugo, que se celebrará este martes, unha moción esixindo á Xunta de Galicia que “corrixa as graves irregularidades” do proxecto de trazado que plantexou para a segunda fase da Ronda Leste, recollidas nas alegacións que presentou a institución ó expediente en base a informes elaborados polos servizos técnicos.

Desta forma, na iniciativa plenaria que defenderán os socialistas reclaman que o Goberno galego tramite e aprobe unha nova Declaración de Impacto Ambiental porque a que presentou está caducada; que adecúe o trazado ó establecido no PXOM de Lugo; que elabore e aporte un Estudo de Impacto e Integración Paisaxística conforme á Lei 7/2008, do 7 de xullo, de Protección da Paisaxe de Galicia e que elimine os impactos críticos a nivel ambiental e visual do trazado no entorno do Rato que modifican substancialmente a xeomorfoloxía do terreo e a paisaxe, como a corta de case 7 hectáreas de carballos centenarios, a corta da Carballeira de Bosende ou a construción dun terraplén de 24 metros de alto.

O PSdeG da provincia pide á Xunta que “dea explicacións ós lucenses” porque, “despois de 14 anos sen facer nada”, presenta un proxecto con estas deficiencias, e que recoñeza que o anuncio que fixo de iniciar as obras este ano “foi un engano máis ós veciños da provincia” para “aparentar que fan algo antes das eleccións municipais”.

Os socialistas demandan así mesmo ó Goberno autonómico “que dialogue coa Deputación de Lugo e co resto de administracións afectadas e implicadas” para sacar adiante “esta infraestrutura estratéxica cun proxecto axeitado a nivel técnico, legal e ambiental”.

Os socialistas insisten en que “o único que moveu” ó PP na Xunta “a sacar do caixón este proxecto, como fose un anónimo” foi “o interese electoral”, pois a ex Alcaldesa de Mondoñedo “aspira agora á Alcaldía de Lugo”. Neste sentido, lembran que a alcaldable popular “votou en contra nun Pleno da Deputación de pedir á Xunta que dotase de orzamento á segunda fase da Ronda Leste, e agora di que a quere”.

O proxecto da primeira fase desta vía foi construído durante o Goberno da Xunta presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, que deixou ademais licitada a elaboración do proxecto da segunda fase. Sen embargo, recalca o PSdeG, coa chegada do PP ó Executivo no ano 2009 “paralizouse todo” durante 14 anos. De feito, “os populares chegaron a retirar dos orzamentos autonómicos as partidas para facer esta obra fundamental para o concello de Lugo e para o conxunto da provincia”.

0.17651295661926