O PSOE insta a recuperar os medios aéreos para a extinción de lumes na base de Portomarín
O PSOE de Portomarín insta ao Concello a que realice "as xestións urxentes e necesarias" para a recuperación dos dous helicópteros e de dúas brigadas helitransportadas ubicadas na Base de Helicópteros da localidade.
A voceira socialista, Silvia Rodríguez, adiantou que defenderán no vindeiro pleno unha moción sobre o asunto, e na que ademais reclamarán ao Goberno autonómico a dotación dun novo camión para a extinción de incendios no municipio.
Silvia Rodríguez advirte que, desde o pasado ano, "a Xunta de Galicia realizou importantes recortes en Portomarín no tocante á prevención e extinción de incendios forestais, xa que a Base de Helicópteros deixou de acoller a ubicación de dous helicópteros e de dúas brigadas helitransportadas, que contaban cun total aproximado de 25 efectivos na nosa vila. Entre estes membros das brigadas, como todos sabemos, estaban veciños do noso concello, que aproveitaban esta oportunidade laboral que se viña sucedendo ao longo de moitos anos", explicou.
A socialista salienta que a base de Portomarín foi no seu día un emprazamento importante pola súa situación estratéxica, "posto que viña a cubrir as necesidades das emerxencias dunha zona descuberta actualmente moi ampla, e cun importante potencial forestal".
O PSOE denuncia que, "con estes recortes, a Xunta abócanos a un gran prexuízo que limita os tempos de resposta ante un incidente na nosa comarca. Pero, en materia de prevención e extinción de incendios, xa coñecemos as receitas da Xunta do PP, que é esperar a que chova".
“A única folla de ruta do alcalde do PP de Portomarín é mirar cara outro lado cando hai un problema na vila. Como por exemplo coa perda destes servizos na prevención e extinción de incendios. Ata agora non dixo nin mu, e así seguimos perdendo servizos, iso si, aparecendo nos medios de comunicación de palmeiro dun Goberno que recorta prestacións na nosa vila”, criticou.