O PSOE pide unha cobertura sanitaria axeitada no Corgo
O Deputado Autonómico do PSdeG-PSOE, Luís Álvarez avanzou hoxe que defenderá unha iniciativa no Parlamento Autonómico para reclamar ao Goberno de Feijóo “garantir a cobertura asistencial axeitada no Concello do Corgo coa incorporación dun profesional de pediatría no centro de saúde deste concello”.
Así o dixo tras escoitar as reivindicacións do Voceiro do PsdeG-PSOE do Corgo, Francisco Otero Besteiro, quen denunciou as carencias sanitarias que sofre a veciñanza. O Deputado denunciou que “nos 9 anos de goberno de Núñez Feijóo non existe unha proposta firme de medidas para paliar o déficit e o problema de falta de profesionais sanitarios e, por tanto, de alteración na asistencia sanitaria pediátrica, continúa sen que exista previsión de mellora”.
Remarca ademais que “unha eficiente xestión da atención primaria permitiría facilitar o funcionamento optimizado do sistema, habilitando máis funcións para o persoal de enfermería, axilizando trámites e considerando unha planificación da asistencia con maior atención ao ancoraxe de poboación a través da garantía de servizos en determinadas zonas, como ocorre neste caso”.
Álvarez advirte tamén na súa proposta “que o Goberno de Feijóo mantén unha política de contratación limitada, recortada e limitadora de dereitos e estabilidade laboral. Non existe unha planificación correcta da distribución de persoal e reposición, cunha moi alta dose de precariedade”.
Estas cuestións contribúen a un problema de déficit de profesionais, “que para Feijóo converteuse nunha escusa e, case, nunha solución para rexeitar as peticións que se trasladan, ben dende un punto de global como específico de localidades, apoiándose nas dificultades de contratación. O caso de centro de saúde da Corgo resulta un exemplo do déficit de xestión do servizo de pediatría. Neste centro, a atención pediátrica préstase por parte dun médico de familia o que levou a un número elevado de familias a mudar o seu centro de saúde por carecer do dito servizo”, explica.
Desprazamentos
Francisco Otero Besteiro lamentou a situación na que se atopan moitas familias con nenos e nenas da vila, “xa que teñen que desprazarse a outros concellos para ser atendidos. Por iso vamos a reclamar dende cantas institucións e instancias sexa necesario, o servicio de pediatría no noso centro de saúde”, insistiu.
Ademais lembrou que nestes intres no Corgo hai 2 médicos ás portas da xubilación. “Por unha banda un médico xa rematou o seu ciclo laboral, e o segundo xubilarase aproximadamente no mes de xuño, por iso estaremos vixiantes para coñecer as previsións do PP para cubrir estas dúas prazas no centro de saúde e non abandonar á veciñanza do Corgo”, dixo Otero Besteiro.