O PSOE propón á Xunta un plan de choque contra as listas de espera na provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Lara Méndez acusa ao goberno galego de “xogar co hartazgo e a resignación” dos galegos e das galegas ao rexeitar a proposta socialista
lara-mendez-parlamento-xunta
A socialista Lara Méndez
4 Xul 2024

A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe a Xunta e PP de “atentar contra a nosa saúde” ao provocar unha situación “dramática” na sanidade pública co peche de centros de saúde, falla de médicos de familia ou supresión dos servizos de pediatría. Así o dixo durante o debate dunha proposición non de Lei na que reclamaba un plan de choque contra as listas de espera na área sanitaria de Lugo – A Mariña – Monforte, que foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista tomou os argumentos da rolda de prensa que ofreceu a Plataforma SOS Sanidade Pública onte para responsabilizar ao goberno galego da “situación dramática que cada vez vai a peor”. Criticou neste sentido a “actitude” do novo conselleiro de Sanidade, que quere mudar o peche de centros de saúde co eufemismo da “reorganización” cando, subliñou, “a realidade é que pechan”.

Méndez fixo un relatorio dos peches de Castro de Rei, Boiro, Rianxo, Ribeira, Outes, Tui, Vigo, Sanxenxo, Fornelos, Folgoso ou Valadouro como algúns dos casos –“e non sigo porque non me chegaría o tempo da intervención”- derivado da falta de médicos de familia provocada pola “mala xestión, previsión e de recursos” da Xunta.

O mesmo sucede cos pediatras, con 201 concellos de Galicia sen servizo de Pediatría, ou co peche de máis de 800 camas hospitalarias este verán, o maior número da historia. Criticou que mentres tanto o PP “segue facéndose trampas ao solitario” ao presentar un cómputo de listas de espera que é “puro engano, mesmo fraudulento” cargando as consecuencias da súa xestión sobre a saturación dos profesionais sanitarios e “xogando co hartazgo e a resignación” dos pacientes.

Listas de espera de Lugo

Advertiu que malia que só computan as esperas dende o momento no que entran nas axendas, para evitar contabilizar o momento no que o paciente a solicita, a situación dispárase na área sanitaria de Lugo – A Mariña – Monforte. Así, esta área ten unha espera de 86,7 días para consultas, 13 por riba da media de 73,4 días de Galicia, “que non é unha cifra menor”, ou de 97,7 días para probas diagnósticas, 11 máis que a media de 86,3 da Comunidade Autónoma.

Advertiu que os datos concretos acadan cotas “escandalosas” cos máis de 300 días de espera para electomiografía no HULA, os 346 días para un ecocardiograma, 336 para estudo de alergoloxía, mentres o conselleiro “nos deixa aínda máis preocupados ao sinalar que as listas de espera teñen unha importancia relativa”. Afeoulles finalmente que respondan sinalando ao goberno central como “comodín de Pedro Sánchez” que empregan “cando non teñen resposta”.

0.18621587753296