O queixo do Cebreiro volve conquistar na trixésimo sexta edición da súa feira
O queixo foi o principal protagonista este Venres Santo na montaña lucense, ata onde se achegaron centos de visitantes para gozar da XXXVI Feira do Queixo do Cebreiro, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Ademais das degustacións culinarias, os pasacalles da man da charanga Louband amenizaron a xornada, na que os asistentes pudieron gozar do baile rexional coa asociación cultural Abrente das Nogais e do pregón a cargo do CPI Uxío Novoneyra.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na cita e puxo en valor o traballo e bo facer dos produtores, a veciñanza e o Concello de Pedrafita do Cebreiro na recuperación deste produto, agora recoñecido con Denominación de Orixe. Tomé Roca asistiu ao pregón, ademais de percorrer os postos que encheron a feira un ano máis con produtos moi diversos.
Pola súa parte, a deputada por Lugo do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel, acompañada pola deputada provincial Irias Castro e membros do BNG da localidade, tampouco quixo perderse a feira. Na súa visita, quixo destacar que se trata dunha proba do potencial que posúe a comarca na produción alimentaria. “Os Ancares é unha referencia da transformación alimentaria, unha boa proba é a súa IXP do queixo e o bo facer das persoas que traballan na actividade agro-gandeira, como amosan os produtos relacionados co porco ou a tenreira tamén”. Para Valcárcel estes eventos son fundamentais para fomentar o consumo de produto de proximidade e contribuír a un sistema “máis sustentable e capaz de xerar máis dinamismo económico no propio territorio".
Neste senso, a nacionalista salientou que para poder contribuír a dinamizar a economía e revitalizar á xente este lugar é preciso “seguir potenciando circuítos comerciais de proximidade, e fomentar políticas en contra do abandono do rural para que a xente poida establecer a súa vida nestes lugares, por isto hai que apostar por revitalizar este comarca”.