O Real Aeroclub de Lugo celebra o seu 66 aniversario cunha xornada multitudinaria e emotiva

O Real Aeroclub de Lugo conmemorou o seu 66 aniversario cun evento que reuniu a numeroso público no aeródromo de Rozas, nunha xornada marcada polo bo ambiente e a emoción. A celebración destacou tanto pola alta participación como polo carácter simbólico das homenaxes realizadas a persoas vencelladas á historia da entidade.
Un dos momentos máis especiais do día foi o recoñecemento ás persoas socias fundadoras, cuxas familias compartiron un acto cargado de emotividade. Desde a organización sinalaron que, só por ver a reacción das persoas homenaxeadas e das súas familias, xa pagou a pena a celebración. Nos vindeiros días, o Aeroclub instalará unha placa conmemorativa en lembranza destas figuras clave nos seus inicios.
A entidade explicou tamén o motivo de celebrar este aniversario nunha cifra non redonda, defendendo que non é necesario agardar a datas sinaladas para poñer en valor a traxectoria e gozar dos logros acadados ao longo do tempo.
Fundado hai 66 anos, o Real Aeroclub de Lugo naceu co obxectivo de protexer as instalacións do aeródromo de Rozas e achegar o mundo da aviación á cidadanía lucense. Ao longo da súa historia, este espazo desempeñou un papel relevante, sendo aeródromo militar, o primeiro aeroporto de Galicia e punto de encontro de aeronaves en distintos eventos, ademais de consolidarse como unha destacada escola de pilotos.
De cara ao futuro, a entidade reafirma o seu compromiso co crecemento e a innovación. Entre os seus próximos proxectos figura a posta en marcha dunha escola de drons, a incorporación de globos aerostáticos e a modernización das súas instalacións, incluídas as pistas de vólei praia. Así mesmo, avanzan novas iniciativas e eventos cos que esperan seguir consolidándose como un referente da aviación en Galicia.