O Real Aeroclub de Rozas mellorará a súa piscina
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luis Abelleira Mayor, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para renovar as instalacións da depuración das piscinas que a entidade ten nas súas instalacións de Castro de Rei. A institución provincial achega 30.000€ para estes traballos, que ascenden a 94.495,29€, asumindo a cantidade restante o propio colectivo.
O Club conta con dúas piscinas, unha grande e unha pequena, nas súas instalacións de Mondriz, ao carón do aeródromo de Rozas. Os traballos de mellora consisten na renovación dos equipos de filtración, desinfección, circuíto hidráulico, instalación eléctrica, electrólisis e regulador de PH das piscinas para que cumpran coa normativa vixente. Actualmente este sistema é antigo e non funciona axeitadamente.
A Deputación de Lugo colabora con estas obras co obxectivo de manter viva a afección aeronáutica que desfruta destas instalacións, ás que non só teñen acceso os socios e socias, senón que tamén acude a veciñanza da Terra Chá.