O regreso do Chapulín

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
11 Mar 2022

Por Moncho Paz

Mércores 27 de febreiro de 1991. Un Opel Corsa GT branco avanzaba a toda velocidade dende o centro de Madrid ate Leganés. Destino: Sala Universal Sur, concerto de Mano Negra. Xulio Puentes guiaba o coche con pericia, acompañado de tres amigos: o seu homónimo Villarino, Luismi Vázquez e quen escribe estas liñas. Foi unha “noite de acción”, das que non se esquecen nunca.

Ao ritmo da patchanka (con k de kilovatios) conseguimos achegarnos ao escenario e lanzar a nosa consigna ao unísono: Vilalba!!! O cantante, Manu Chao, atendeu o noso berro e respondeu co micro do mesmo xeito, mentres o seu irmán Antoine fixo o propio cun toque de trompeta. Apoteose total!!! Eramos grandes admiradores de Hot Pants e Los Carayos, as anteriores formacións dos Chao, cuxos vinilos formaban parte do amplo repertorio discográfico que tiñamos nos pisos de estudantes que compartiamos en Madrid a finais dos oitenta.

Sete anos despois, celebramos en Compostela o triunfo de Francia no seu Mundial de 1998, aínda que o noso corazón estaba dividido pola querenza brasileira, pois a súa selección chegara á final. Foi en A Feira das Mentiras, un espectáculo de cinco días no que cabía de todo: dende o circo da Caravanne des Quartiers ao primeiro campionato do mundo de futbolín, que contou coa presenza do seu inventor -Alexandre de Fisterra- na entrega dos premios. Aquela iniciativa multicultural e alternativa tiña tres espazos ben diferenciados: Pulpo Fiction, para seguer os partidos do Mundial de fútbol; Aldea Terremota, para recrear o ambiente das romerías populares galegas; e A Feira Feira, dedidado á artesanía e ás tatuaxes. Facendo uso da miña capacidade de inmersión, aproveitei aquel evento para que me tatuaran no lombo un paxaro azteca, que me estampou un venezolano chamado Andrés, e que co tempo e cos retoques necesarios convertiuse na estrela de California dos Red Hot Chilli Peppers. Esa decisión espontánea espertou unha especial complicidade co noso prezado Ramón Chao, alí presente, que aquela noite ensinoume a Mano Negra que tiña tatuada no brazo despois dunha viaxe por Colombia cos seus fillos e o resto da banda, o que lle valeu a reprimenda de Manu en Aracataca: “Pá, no se te puede dejar sólo”. E levaba razón. Aquela noite con Ramón e a súa familia foi a consolidación dunha amizade que rubricamos anos despois en París, na presentación da edición francesa de Prisciliano de Compostela e na posterior fundación de Amigos de Prisciliano, unha rede cultural de pensamento altermundista que aglutina todas as características do universo Chao: un realismo máxico que non ten nada que envexar ao de García Márquez, co permiso do mestre Cunqueiro.

Nunca esquecerei a final do Mundial 98, na que ao ritmo da música e da patchanka (“No llores mi vida no llores / Más lágrimas de colores / Llegó el Tramor con su tumbao…”) fixemos un tren encabezado por Manu, Pepe e Ramón Chao Rego, Sari, outros familiares e amigos como Xurxo Souto, Pinto d´Herbón e Marta Pérez, a Berta do Camiño de Prisciliano. Ironías da vida, anos despois seguiría os partidos do Mundial 2018 -que tamén gañou Francia- na compaña dos meus fillos e varios colegas de profesión, sen esquecer aquel “tren de xeo e lume” que percorría hai vinte anos a noite meiga de Compostela ao son dos tambores da rebelión. Mais xa non estaba Ramón…  Foise, pero segue connosco; vaia paradoxo.

Manu Chao regresa agora baixo o sobrenome de ‘O Chapulín solo’, un proxecto acústico co que ofrecerá temas novos e de sempre sen perder de vista a ledicia, a loita e o compromiso que caracteriza a súa música. Deste xeito, recalará na compostelá Sala Capitol e na luguesa Sala Tebras cun total de catro actuacións, nun formato máis íntimo e persoal. As citas na capital galega serán os días 9 e 18 de marzo. E o domingo 13 e o martes 15 desprazarase a Lugo para subir de novo ao escenario xunto a Lucky Luciano e Miguel Rumbao, que o acompañarán á guitarra e á percusión, respectivamente. Son os primeiros concertos de Manu en terra galega dende 2014, cando actuou por última vez en Reperkusión, o festival ourensán de Bemposta no que o músico se involucrou con actuacións durante tres anos consecutivos. “Cancións de rompe e rasca, rolas musicarias, mundos ao revés, ekivokadas vidas, veciñas do patio e malegrías, despedidas clandestinas, rúas e máis rúas, vodas e banquetes, enterros e malas vidas”. Así define o Chapulín Chao esta proposta, que supón o seu regreso a Galicia nestes concertos.

Nunha longa conversa que mantivemos hai dez anos en Barcelona, pregunteille a Manu: “Cando teremos unha Feira das Mentiras en Vilalba?” Ao que me respondeu: “Encantado, que non sexa por ganas. Unha Feira das Mentiras con Corte Miragreira. Ou grandilocuente, con carpas para dez mil, ou ben unha romaría preto do río. Non ten por que ser masificada. Trátase de implicar a xente de boa vontade e con liberdade de pensamento”. Aquí o deixo, co desexo de que volva máis cedo ca tarde por Reigada -a terra do seu pai- para organizar unha foliada á beira do Madalena.

0.102215051651