O regreso dos buses ao casco histórico de Lugo é valorado por Lugo Monumental

A Asociación Lugo Monumental expresou a súa satisfacción polo regreso das catro liñas de autobús urbano ao casco histórico de Lugo, servizo que estivera suspendido durante as obras de reforma do centro. Para o colectivo, a recuperación deste transporte público é esencial se se pretende que a cidadanía poida acceder ao centro sen depender do vehículo privado.
A entidade lembra que esta foi unha petición reiterada ao longo dos últimos anos e que sempre contou co apoio dos responsables municipais. En particular, sinala que equipamentos clave como a Praza de Abastos ou o Mercado de Quiroga Ballesteros sufriron especialmente os efectos da peonalización e da suspensión do transporte urbano, xa que reciben un gran volume de persoas maiores ou con problemas de mobilidade que realizan compras de produtos pesados.
Lugo Monumental incidiu tamén en que o mantemento destas liñas é crítico para a supervivencia comercial do centro e propuxo ampliar a cobertura. Así, solicita que algunhas das liñas que chegan á zona sur da cidade —Fontiñas, Aceña de Olga ou San Fiz— poidan acceder tamén á Praza de Santo Domingo, do mesmo xeito que ocorre cos veciños de Gándaras, Ponte, Cheda ou Abella.