O reino suevo como protagonista da IV Xornada de Divulgación Científica

LugoXa
O contexto histórico e a cultura material do Reino Suevo en Lugo centrará os relatorios da IV Xornada de Divulgación Científica en Lugo.
maite ferreiro
11 Jun 2021

O contexto histórico e a cultura material do Reino Suevo en Lugo centrará os relatorios da IV Xornada de Divulgación Científica organizadas polo Museo de Lugo, que se celebrarán o 25 de xuño no Pazo de San Marcos.

A directora do Museo de Lugo explicou que “dedicamos a xornada ao Reino Suevo para aproveitar e poñer en valor as pezas desa etapa histórica e tamén para contribuír ao seu coñecemento e recoñecemento” xa que, explicou “hai unha escaseza moi profunda de fontes documentais sobre o Reino Suevo na historiografía tradicional, e as que se conservan están moi subxectivizadas pola visión romana”. 

“Consideramos que temos que contar a nosa propia historia en función doutras liñas, neste caso da investigación arqueolóxica que se esta está levando a cabo en Galicia desde finais do século pasado, da cultura material ou da numismática e que corrobora que se trata dunha etapa histórica rica e senlleira”, continuou.

Nesta cuestión abondou a catedrática da USC Ana E. Goy Diz, unha das relatoras da xornada, que sinalou “a necesidade histórica e artística de recuperar ese período no que a antiga Gallaecia tivo moito que decir ao resto de Europa. Esa etapa, moi pouco valorada, debe ser estudiada dunha maneira moi especial desde aquí”.

Exposición 

Ademais dos relatorios programados no Pazo de San Marcos, no marco desta actividade, a partir do 21 de xuño, o Museo de Lugo instalará na sección de Arqueoloxía unha exposición divulgativa cunha mostra das pezas custodiadas polo centro e datadas entre os s.s. V-VIII no contexto dos reinos suevo e visigodo, da invasión árabe e da consolidación do reino asturiano.

Entre as pezas que formarán parte da mostra, inclúense o broche de Baamorto, Monforte (Lugo), unha praca e dous botóns achados en Penadominga, Quiroga, unha cama de freo de cabalo de Santo Hadrián localizada en Triacastela, unha patena (Sarria) e vestixios do capitel de Santa María de Mosteiro de Guntín.

A exposición será así unha oportunidade para coñecer “unha cultura material que deriva dunha sociedade complexa e heteroxénea con reminiscencias tardorromanas adaptadas, nalgúns casos, ás tradicións xermánicas, no que xa se constata como un modus vivendi continuista pero con características de seu”, segundo destacan Enrique Alcorta, Mª Ofelia Carnero e Aurelia Balseiro, que colaboran no comisariado da mostra.

Programa

9.30 h. Acreditación asistentes.

10.00 h. Presentación oficial.

10.15 h. Trocando espadas en rellas de arado: un achegamento á historia e o legado do reino suevo-galaico Carlos Baliñas Pérez. Dr. Historia Medieval e Profesor da USC. Campus de Lugo 11.00 h. As elites bárbaras a partir das evidencias materiais: os suevos Jorge López Quiroga. Dr. en Historia Medieval (Universidad París IV-París,Sorbona). UAM. Natalia Figueiras Pimentel. Historiadora da Arte, conservadora e restauradora. UCM.

12.15 h. Bens culturais de tradición xermánica no Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro García. Museóloga e directora do MPL.

13.00 h. Mesa redonda: O papel da investigación histórico arqueolóxica na divulgación científica dos séculos V-VII: estratexias de comunicación e transferencia do coñecemento.

Moderada por Aurelia Balseiro, con intervencións dos relatores citados e tamén de Pablo Núñez Meneses, Dr. en Historia Medieval, especialista en Numismática, que nos introducirá na moeda sueva e Ana E. Goy Diz, Catedrática da USC, no eremitismo dos vales do Miño e do Sil durante a Alta Idade Media.

14.00 h. Debate-coloquio 17.00 h. Visita técnica explicativa no Museo Provincial de Lugo* (planta 1.ª sección de Prehistoria e Arqueoloxía) á exposición divulgativa sobre a cultura material de tradición xermánica conservada no MPL a cargo dos técnicos do Departamento de Arqueoloxía do MPL: Enrique Alcorta e M.ª Ofelia Carnero. (*presencial ou en liña dependendo das normativas sanitarias)

Inscricións

 O formulario ou folla de inscrición estará dispoñible na web do MPL- RMP. As persoas interesadas en participar nas xornadas deberán cubrilo e presentalo telematicamente ou presencialmente no rexistro xeral da Deputación. O prazo ábrese hoxe, venres 11 de xuño, e manterase aberto ata o día antes da xornada. A participación pode ser presencial, ata cubrir a capacidade do Salón de Actos de San Marcos, ou en liña.

0.17100405693054