O reitor da USC reitera o agradecemento do movemento lucense a prol do campus

LugoXa
Unha nutrida delegación da plataforma cívica Campus Lucense, un movemento encabezado por Jesús Vázquez e do que forman parte máis dun centenar de colectivos veciñais, entidades e institucións, ofrece o seu apoio ao equipo de goberno da USC para que a sede universitaria luguesa manteña a súa oferta de titulacións e continúe o seu cometido transformador da provincia.
reitor usc movemento vecinal campus lugo
19 Xan 2024

Unha nutrida delegación da plataforma cívica Campus Lucense, un movemento encabezado por Jesús Vázquez e do que forman parte máis dun centenar de colectivos veciñais, entidades e institucións, ofrece o seu apoio ao equipo de goberno da USC para que a sede universitaria luguesa manteña a súa oferta de titulacións e continúe o seu cometido transformador da provincia.

O reitor da USC reitera o seu agradecemento pola activación social e do tecido empresarial a prol do Campus de Lugo. Antonio López deu conta este xoves da gratitude da institución académica ao apoio social recibido durante o encontro mantido na propia sede universitaria luguesa con representantes da plataforma Campus Lucense, un movemento cívico promovido desde a Federación de Veciños de Lugo e que na actualidade suma máis dun centenar de colectivos adheridos ao seu manifesto en defensa do Campus de Lugo.

A xuntanza, na que participaron Jesús Vázquez, Luis Abel Fernández, José Vázquez Portomeñe, Verónica Marcos Arrojo, César Dorado, José María Seijas López, Ángel José Rodríguez Abuín, Manuel Vila e Jesús Otero, ademais do reitor da USC e do vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, serviu para constatar que os intereses do equipo de goberno da USC están aliñados e responden ás inquedanzas manifestadas pola plataforma veciñal.

A nutrida comitiva do movemento cívico Campus Lucense aproveitou esta xuntanza para trasladar ao goberno da USC o seu apoio para que a sede universitaria luguesa manteña a actual oferta de títulos e continúe o seu cometido como axente transformador da provincia.

Agradecido polo respaldo recibido dun colectivo que denota a forte conexión social e empresarial da sede universitaria luguesa coa súa contorna, Antonio López deu conta do acordo aprobado por asentimento polo Claustro da USC o 30 de novembro de 2023. Este documento dá conta do “firme apoio do goberno da institución académica ás facultades e escolas do Campus de Lugo”, así como do seu “compromiso para continuar a defender de xeito decidido as titulacións adscritas ás mesmas”.

O acordo ratificado polo Claustro da USC contempla demandar da Secretaría Xeral de Universidades a revisión inmediata do criterio relativo ao número mínimo de estudantes de novo ingreso nas titulacións de grao e mestrado universitario recollido no Decreto 222/2011, ademais de solicitar da Secretaría Xeral de Universidades a revisión e modificación dos criterios de cómputo do alumnado de novo ingreso, particularmente no caso do estudantado que cursa programas de simultaneidade (dobres graos) ou graos abertos, así como aquel que procede de ciclos formativos de grao superior.

A defensa das titulacións esenciais no Campus de Lugo con relación directa coa identidade da contorna e co tecido social e empresarial, no contexto do Campus Terra, recoñecido a través da significación como campus de especialización por parte da Xunta de Galicia, constitúe outro dos acordos tomados.

O Claustro da USC comprometeuse tamén na súa sesión do 30 de novembro de 2023 a reiterar as solicitudes de singularidade para os graos en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Civil e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, titulacións habilitantes que contan cunha elevada demanda laboral. O reitor lembrou diante dos representantes da plataforma Campus Lucense que tales peticións de singularidade xa foran remitidas previamente á Secretaría Xeral de Universidades en dúas ocasións nos dous últimos anos (11/04/2022 e 31/03/2023).

A defensa da docencia presencial como parte esencial das titulacións e a constitución dun grupo de traballo conformado por representantes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Ciencias, a delegada do reitor para o Campus Terra e membros do equipo de goberno da Universidade, co obxectivo de reflexionar sobre a oferta de títulos de grao e mestrado dos dous centros e sobre a súa posible redefinición e actualización atendendo ao criterio de especialización do Campus, ás necesidades sociais e á demanda do estudantado, figuran tamén entre os compromisos acordados polo Claustro da USC e dos que o reitor informou este xoves ao movemento social Campus Lucense.

0.21248292922974