O Restaurante Orixes de Friol gaña o concurso de tapas

LugoXa | TerraChaXa
A creación 'Petisco de polbo' foi a gañadora da segunda edición deste certame con un total de 447 puntos
petisco-de-polbo-concurso-de-tapas-friol
29 Jan 2026

Este mércores tivo lugar o reconto dos votos emitidos durante o II Concurso de Tapas do Concello de Friol, que se levou a cabo no propio Concello, coa presencia de representantes de case todos os establecementos participantes, xunto con unha representante do Equipo de Goberno Municipal.

O establecemento gañador resultou ser, por segundo ano consecutivo, Restaurante Orixes, coa súa proposta Petisco de polbo, que acadou 447 puntos. O segundo clasificado, Mesón O Cruceiro de Seixón, volveu quedar moi cerquiña, con un total de 419 puntos. A Cafetería Club Fluvial foi o terceiro na clasificación final.

Todos os locais participantes obtiveron boas puntuacións por parte da clientela, polo que dende o concello confían en que poida celebrarse unha terceira edición deste concurso, que tan bos resultados está dando aos establecementos hostaleiros de Friol.

Despois de facer o reconto de votos para coñecer a proposta gañadora, tamén se procedeu ao sorteo de tres premios entre todas as persoas participantes. Tendo en conta que tanto para poder participar como para poder ter en conta a puntuación dada a cada creación, debían estar seladas todas e cada unha das propostas participantes. En este sorteo saíron premiadas tres persoas que cumprían os requisitos marcados, así como tres reservas, por se non se consigue contactar coas persoas premiadas.

Os gañadores do sorteo serán avisados durante esta semana, e de non conseguir contactar con eles, o premio pasará á persoa que quedou en reserva durante o sorteo.

O primeiro premio de este concurso consiste nun lote de produtos valorado en 200€ máis 300€ en efectivo. O segundo premio consta de 200€ en efectivo e unha visita ao MEGA Museo Estrella Galicia para dúas persoas. O terceiro premio son 100€ en efectivo.

Friol volveuse encher de familias, grupos de amigos e amigas, parellas, etc., que quixeron degustar as creacións propostas e quixeron desfrutar da hostalaría do pobo. Foron dúas fins de semana diferentes, divertidas, festivas e cheas de bo ambiente.

A alta participación que se vivira na primeira edición deste concurso, viuse incrementada en esta segunda, na que se rexistraron cerca de 250 papeletas seladas en todos os establecementos participantes.

Os establecementos participantes en esta segunda edición foron A Taberna, Cafetería Club Fluvial, Restaurante Casa Benigno, Restaurante Orixes, Mesón O Cruceiro de Seixón e Bodegón de Corbelle de Vilalvite.

O alcalde, Jose Ángel Santos, sinalou que “esta segunda edición do concurso de tapas volveu ser un gran éxito de participantes e de persoas que se achegaron ao noso pobo para degustar as propostas ofertadas. Repartíronse máis tapas incluso que na primeira edición, que xa foran moitas. Quero agradecer unha vez máis aos veciños e veciñas de Friol que se animaron a participar de esta iniciativa, e tamén a todas as persoas que se achegaron de distintas partes da provincia. E quero agradecer especialmente, unha vez áais, a implicación e a colaboración dos locais que participaron en esta segunda edición, resaltando a importancia de iniciativas como esta para seguir dándolle vida e visibilidade a Friol”.

⚙ Configurar cookies
0.079391956329346