"O reto máis difícil para nós foi conseguir a información e aprender a xogar"

LugoXa
Alberto Rodríguez Villamor é o encargado do equipo de caiac Polo do club de piragüismo Cidade de Lugo, falamos con el sobre esta modalidade deportiva.
kayak polo
10 sep 2023

Alberto Rodríguez Villamor é o encargado do equipo de caiac Polo do club de piragüismo Cidade de Lugo, falamos con el sobre esta modalidade deportiva.

Como e cando nace a idea de facer un equipo de caiac polo?

A idea nace a raíz de que non club había uns barcos que comezamos a reparar para poder xogar a algo e engadir unha modalidade nova, gústanos aprender cousas novas e comeza todo aí.

Pouco a pouco, dende o club foise comprando material e déusenos moito apoio, tanto económico como de tempo, espazo e recursos. Gracias a todo iso nace o equipo hai aproximadamente uns tres anos.

En que consiste o caiac Polo?

O caiac polo xógase cinco contra cinco nun campo e consiste en meter goles nunha portería elevada. É unha mistura entre unha canastra de baloncesto cunha portería de waterpolo, o pau máis baixo está situado a dous metros da auga. Pódese pasar coa man, coa pala ou incluso co barco pero non se pode tocar ao rival se non está en posesión da pelota, nese caso podes golpealo no ombreiro para que caia a auga e facerte coa pelota.

No campo permanecen á vez cinco persoas pero cada equipo pode contar con oito integrantes para poder realizar cambios durante o encontro. É un deporte de contacto que consta de dúas partes de dez minutos.

Quen participa actualmente no equipo?

Dentro do noso club só poden participar da competición de Kayak Polo os maiores de idade, ao ser un deporte de contacto tomouse esa decisión a nivel interno. Nos adestramentos si que participa persoas que corresponden con outras categorías sobre todo xuvenís e cadetes.

Como son os seus primeiros contactos con este deporte?

Nós sabiamos que existía esta modalidade pero nunca tiveramos oportunidade de xogar, a partir de reparar estes barcos comezamos a probar varios e fomos pouco a pouco. Eses comezos foron os meus primeiros contactos co deporte.

Cando adestrades?

Temos unha hora fixa de adestramento pero despois dependendo do día tamén temos en conta a dispoñibilidade da xente e o tempo, porque en Lugo en inverno ás veces é complicado. Habitualmente somos entre seis e oito para adestrar e temos un grupo a través do cal nos coordinamos para poder asistir os máximos posibles.

Como é un adestramento?

Depende da xente que estea podemos facer pases, series, varia moito. Facemos control de balón, control de barco, traballamos a velocidade de reacción ou a resistencia. Dependendo da época do ano na que esteamos traballamos diferentes cousas, temos unha planificación e varia dependendo do que esteamos preparando ou do preto que estea a competición.

Adestramos ao longo de todo ano pero a competición principalmente desenvólvese entre os meses de febreiro e setembro. O resto dos meses non hai competición oficial pero si que se realizan partidos amistosos.

Cales foron ou son as maiores dificultades á hora de crear un equipo nun deporte tan minoritario?

O reto máis difícil para nós foi obter a información e aprender a xogar. Fomos aprendendo a raíz de ver a outros equipos xogar e tamén contamos coa axuda de compañeiros que si que formaron parte doutros equipos.

Teñen algunha necesidade como equipo actualmente?

Pois para nós sería ideal adestrar nun campo pero aquí agora mesmo é difícil polos permisos da confederación, esa sería a nosa maior necesidade. Aquí en Lugo tamén nos faría falta algo de sol, para que se animase máis xente a participar.

Algún momento ou logro que recorde especialmente ou con agarimo?

Todos son momentos bos, e é complicado elixir. Pero para min eu penso que a primeira competición, polo que custou chegar alí, ver que é posible e que a xente lle gusta. Pero ao final en todos os partidos sempre hai anécdotas e momentos e é moi difícil elixir, pero diría que a miña favorita foi esa, ver que o equipo empezou.

Como ve o futuro?

Eu vexo que imos avanzando, que o club sigue investindo nesta modalidade do piragüismo e aínda que avancemos pouco a pouco imos aprendendo. Animamos a todo o mundo que este interesado en participar que estamos sempre abertos.

kayak polo juego
kayak polo
0.12761783599854