O Ribeira FS alevín participa na final do Campionato de España de fútbol sala
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro acompañou ao equipo alevín do Ribeira FS no seu último adestramento antes de viaxaren a Sant Joan Despí (Barcelona), onde esta fin de semana xogarán a fase final do Campionato de España de Fútbol Sala.
O conxunto lucense competirá polo título estatal nas instalacións da Ciutat Esportiva Joan Gamper, sede do FC Barcelona, cun primeiro encontro (semifinal) ante Moprisala o sábado (18.00 horas) e a final ante o gañador do partido entre FC Barcelona e Playas de Torremolinos FS o domingo (11.30 horas).
Efrén Castro felicitou ao “equipo polo traballo feito durante a temporada para clasificarse para esta final” e valorou a traxectoria do Ribeira FS que “un ano máis sitúa un dos seus equipos nunha final estatal, despois de que o ano pasado o equipo cadete gañara o campionato”
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora no financiamento do desprazamento do equipo a Barcelona cunha achega extraordinaria de 2.000 euros, que reforza o apoio que recibe o club para a actividade competitiva ordinaria a través dunha subvención de 18.000 euros. O Ribeira FS conta cun 26 equipos masculino e femininos en diferentes categorías desde prebenxamín ata absoluta.