O río Miño, un ben ambiental desaproveitado en Lugo

En Lugo, a relación entre a cidade e o seu río máis emblemático, o río Miño, segue a ser motivo de crítica e insatisfacción por parte da sociedade civil. Mentres o Concello presume de apostar pola posta en valor do seu patrimonio natural, a realidade evidencia unha clara desconexión entre os discursos oficiais e as necesidades reais da veciñanza, que leva anos reclamando instalacións públicas que permitan gozar do río de forma segura, sostible e inclusiva.

Un dos casos máis paradigmáticos desta desconexión son as Caldas do Miño, un proxecto pensado como espazo de lecer e benestar vinculado ao río. Malia a súa ambición inicial, as instalacións levan meses pechadas e xa foran clausuradas en distintas ocasións por casos de lexionela. Este historial de interrupcións reiteradas evidencia non só problemas de mantemento e xestión, senón tamén unha planificación deficiente que impide que a cidadanía desfrute dun recurso que podería converterse nun eixo social e ambiental. Partidos da oposición e sectores da sociedade lucense insistiron en demandar alternativas para reorientar o uso das Caldas, subliñando que o investimento económico realizado —máis de 1,4 millóns de euros— non se traduce en servizo público efectivo nin en beneficio constante para a veciñanza.
Fronte a esta realidade, o Concello prioriza outros proxectos que non responden directamente á demanda de uso público do río. Un exemplo é a rehabilitación da antiga Fábrica da Luz, que se atopa na súa fase final e que, segundo os plans municipais, estará rematada na primavera.

O proxecto responde ao Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) e ten como obxectivo transformar o inmoble nun centro enogastronómico divulgativo destinado á promoción de produtos locais, á celebración de eventos, a actividades formativas e á difusión da cultura gastronómica e vitivinícola da provincia. As intervencións prevén recuperar as fachadas, renovar carpinterías, mellorar a estanqueidade fronte a posibles crecidas do río e actualizar as instalacións interiores, sempre respectando a estrutura orixinal e o carácter histórico do edificio.
A finalidade da intervención, enfocada a recuperar o edificio histórico do arquitecto Eloy Maquieira, é criticada por moitos lucenses, que consideran que este espazo sería ideal para crear unha praia fluvial e un acceso acondicionado ao caneiro, permitindo que todas as persoas poidan bañarse e interactuar coa natureza. A situación evidencia unha falta de prioridades claras: mentres se invisten recursos na rehabilitación para usos turísticos e educativos, non se dá resposta ás demandas básicas de ocio e contacto coa natureza que xa existen na sociedade.

Outro proxecto que xerou debate é o do Muíño de Olga, rehabilitado coa inversión da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que superará os 750.000 euros para ceder o uso á Universidade de Santiago de Compostela. O edificio converterase nun punto de divulgación científica do Campus Terra, dedicado á hidroloxía, xestión de recursos hídricos, fauna, flora, construcións e etnografía do río. O proxecto cumpre o convenio asinado en xullo de 2023 entre ambas institucións, que contempla tanto a modificación do proxecto inicial como a execución da obra, dirección, vixilancia e coordinación de seguridade, cun prazo estimado de 7 meses.
A pesar da relevancia científica e educativa deste proxecto, o centro ten unha tendencia a inundarse polo medio do curso, tanto en inverno como en primavera, momentos clave para o seu uso. Ademais, voces críticas da sociedade luguesa consideran que investir máis de tres cuartos de millón de euros nun centro de divulgación representa unha oportunidade perdida para mellorar a accesibilidade ao río e dotar a Lugo dunha infraestrutura pública que permita desfrutar do Miño.
Con todo, o futuro apunta a que a praia fluvial de Lugo se situará na zona dos Robles, xa que o pasado 1 de xullo de 2025, nun encontro entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, alcanzouse un compromiso formal para instalar unha praia fluvial na zona de Os Robles, un espazo entre este barrio e a Fábrica da Luz que historicamente servira de lugar de baño para os veciños.
Naquela cita, Fernández destacou que se trataba dunha demanda que durante anos “foi freada” e que agora ambas administracións acordaran traballar xuntas para materializala mediante un protocolo de actuación, así como avanzar nun estudo de impacto ambiental e outras fases técnicas necesarias para converter a idea en realidade.
Para moitos habitantes de Lugo, este compromiso supuxo unha luz de esperanza: a posibilidade de contar cunha infraestrutura que permita acceso directo ao baño no Miño, con espazos acondicionados para as persoas, as familias, os deportistas e os grupos sociais, algo que ata agora só existía de forma informal e sen regulación.
Porén, tamén xurdiron voces críticas que lembraron que os acordos políticos non sempre se traducen en actuacións concretas nin en prazos claros, deixando novamente en mans da burocracia e da falta de prioridade real o futuro dese proxecto.
Aínda que a vontade expresa de traballar e acordar a praia fluvial foi recoñecida polas administracións, os pasos posteriores —como a redacción e aprobación do tal protocolo conxunto, a realización dos estudos ambientais, a obtención de fondos e, por fin, o inicio das obras— seguen a ser cuestións por resolver.
A lectura combinada dos casos das Caldas do Miño, da Fábrica da Luz e dos compromisos sobre a praia fluvial deixa ver un patrón de diferentes prioridades. Mentres as administracións falan de postos de emprego, turismo, dinamización económica, divulgación cultural ou enogastronómica, para a veciñanza é evidente que esa perspectiva non sempre implica a creación de espazos públicos directos, accesibles e continuados no río.
A crítica, por tanto, non se sitúa contra a rehabilitación patrimonial nin contra a posta en valor da gastronomía ou o turismo. Sitúase en que esas actuacións non se traducen en espazos públicos de uso colectivo que permitan á sociedade desfrutar dun dos seus maiores recursos ambientais: o río Miño.
O río Miño é un ben ambiental extraordinario, parte esencial da identidade de Lugo e un recurso que, ben xestionado, pode contribuír ao benestar, á cohesión social e á calidade de vida da cidadanía.
O que si é evidente é que a posta en valor do río como espazo de uso público está pendente dunha vontade política consistente, dunha planificación integral e dunha asignación de prioridades que sitúe ao veciño e á veciña no centro das decisións.
Se proxectos como as Caldas do Miño non se mantiveron abertos nin se adaptaron para garantir un uso continuado; se a rehabilitación da Fábrica da Luz se reorientou cara a usos especializados que non responden directamente ás demandas cidadás de acceso ao baño; e se as promesas sobre a praia fluvial aínda tardan en traducirse en accións concretas, o risco é que Lugo siga a contemplar o Miño como unha paisaxe admirable, pero non como un ben vivido e accesible.
A sociedade lucense quere e merece espazos públicos reais, seguros e duradeiros, e non só anuncios entusiastas nin proxectos que quedan en cuestións pendentes. O río Miño ten que ser algo máis que unha imaxe ou un recurso turístico: debe ser un espazo de convivencia, de lecer e de vida para todas e todos.