O rural de Lugo celebra no Veral as Xornadas Ribeireñas do Miño e a 3ª Festa da Troita con Xamón

Este domingo 28 de setembro, o rural do concello de Lugo volverá a ser protagonista cunha cita xa consolidada: as Xornadas entre-parroquias ribeireñas do Miño e a 3ª Festa da Troita con Xamón no Veral, organizadas pola Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti, en colaboración co Concello de Lugo.
A iniciativa pretende reforzar os lazos de convivencia entre as parroquias situadas á beira do Miño, a través dunha xornada festiva que inclúe encontros, gastronomía e a entrega de recoñecementos a persoas das distintas comunidades pola súa dedicación e compromiso coa vida parroquial.
Veciños e veciñas de Torible, Santa María Alta, O Veral, Ribas de Miño, Santa Cristina, San Mamed, Conturiz, Soñar, Piugos, Cuiña, Orbazai, San Lázaro, Ombreiro, Galegos, Sagrado Corazón e Castelo, entre outras parroquias, participarán nun evento que pon en valor a tradición, a cooperación e a riqueza social do rural lucense.