O rural de Lugo conta cun novo punto limpo móbil
Santa Comba acolleu a presentación do novo Punto Limpo Móbil que se incorpora ao servizo municipal de limpeza LuceLugo e que o próximo luns, 6 de marzo, entrará en funcionamento na zona rural, completando as instalacións fixas que o Concello xa ten no Ceao.
“A nosa vontade e posibilitar que as preto de 9.000 persoas que actualmente residen nas parroquias lucenses poidan desfacerse axeitadamente de pequenos electrodomésticos, pilas, baterías, radiografías, lámpadas, fluorescentes, vernices, pinturas, disolventes, etc, sen necesidade de ter que trasladarse á capital”, sinalou Lara Méndez.
A rexedora, que estivo acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, explicou que o vehículo 100% eléctrico - un semirremolque pechado fabricado integramente en aluminio – combina as tres fraccións de papel/cartón, envases lixeiros e vidro (cunha capacidade dun metro cúbico cada unha) pero “dispón tamén doutras 14 fraccións independentes configurables e modulares (metales, cd’s e dvd’s, aparatos eléctricos, baterías, pilas, medicamentos, botes de pintura, bombillas, areosois, etc) que permiten a carga frontal a unha altura moi cómoda para as e os usuarios cun volume útil total de 3.300 litros”.
“Trátase dun novidoso sistema que visitará, de forma rotatoria diaria e continuada durante todo o ano, a totalidade das parroquias que conforman o municipio, cun calendario previamente establecido e informado - que arrancará en Piúgos - e que nos permitirá ofrecer un servizo inexistente até o momento, coa vocación de que teña continuidade no tempo e permita mellorar a recollida selectiva, fomentar a separación en orixe diminuíndo a cantidade de impropios e evitando o vertido incontrolado de refugallos, que minore as repercusións medioambientais e posibilitando, alén, o aforro de materias primas para a súa recuperación e/ou reciclaxe”, subliñou a alcaldesa.
Méndez fixo fincapé en que “só tendo en conta que o municipio ten 300 km2 de superficie, a posibilidade de dispoñer dun elemento coma este implicará un incremento da eficiencia na recollida pero tamén un notable aforro de custos e de emisións de CO2 derivados dos desprazamentos que agora mesmo realiza a poboación para este fin, o que redunda no modelo de cidade que estamos a impulsar”, sostivo.
O novo Punto Limpo Móbil, que goza dun sistema antivandálico e está totalmente selado para evitar a vertedura de líquidos, permite a descarga elevada lateral a metro medio de altura o que facilita o seu baleirado por camións de recollida de carga traseira.
A mandataria lucense referiu que, antes de comezar a desprazalo, a Administración local publicitará o calendario co itinerario polas parroquias “para tratar de darlle a maior difusión posible e promover, así, a súa utilización” e anunciou que, proximamente, esta prestación se estenderá ao Centro Histórico e ao resto de barrios da cidade.
Pola súa banda, o concelleiro responsable de área, Miguel Fernández, trasladou que, atendendo ás características demográficas da zona rural e os hábitos de consumo, o Concello estima recoller a través destes Puntos Limpos Móbiles até 1.000 kg de pequenos electrodomésticos, 500 kg de pilas e baterías, 1.500 litros de aceites, 2.000 kg de téxtiles e calzado e 800 kg de xoguetes de forma anual. Así como 1.000 unidades de lámpadas/ fluorescentes e 900 kg de pinturas, vernices e disolventes. A maiores de 7 toneladas de residuos voluminosos, 5 toneladas de poda e 4’5 T de entullo de orixe doméstico.
O tenente de alcaldesa lembrou que para desfacerse de obxectos voluminosos, alén do Punto Limpo, existe o servizo gratuíto de recollida de enseres que a cidadanía pode solicitar vén acudindo fisicamente á oficina de atención cidadá de Ecolugo, sita na rúa Clérigos, ou ben chamando ao teléfono 900.909.671.