O sábado ábrese o ciclo de conferencias sobre o barrio da Residencia
Persoal do antigo complexo hospitalario inaugura este sábado o ciclo de charlas organizadas polo PP A Residencia, un barrio con futuro. Abrirase cun charla coloquio que moderará Elena Candia e na que están invitados como ponentes profesionais que traballaron no complexo hospitalario como son José Manuel Piñeiro Somoza, Carmen Goy López, Elena Ramos Otero e Carmen Fernández Álvarez.
Non é casual empezar polo persoal do centro sanitario xa que foi, precisamente, a existencia desta dotación a que marcou o ritmo e a vida desta zona.
Esta primeira mesa redonda terá lugar este sábado ás 12.00 horas. O acto está aberto á cidadanía e nel se fará unha retrospectiva sobre como evolucionou o barrio dende que se construíron os edificios da Materno e o antigo Hospital, os anos do peche destas dotacións, e agora as oportunidades e a revitalización logo do esforzo inversor da Xunta coas novas infraestruturas sociosanitarias.
Os populares tamén lembran que continúa aberto o prazo para participar na exposición fotográfica onde recollen imaxes sobre a evolución da zona e a vida da súa veciñanza nas diferentes etapas da súa historia.
As persoas interesadas poden achegar as imaxes que desexen ben enviándoas directamente ás redes sociais do Partido Popular local, ben ao correo electrónico eventos@ppdelugo.es, ou ben ahegándose á sede do PP situada en Poeta Ramón Cabanillas, nº14. O prazo para presentar as fotografías remata o vindeiro 13 de xaneiro.