O Sagrado Corazón abre a súa escola de fútbol para dar entrada a novos xogadores
Aos poucos a tempada 2023-2024 vai encamiñando a súa recta final e desde o Sagrado Corazón xa están a planificar a seguinte. É por iso polo que para dar a posibilidade de entrada de novos xogadores e xogadoras ao club para esa campaña 2024-2025, a entidade abrirá as portas da súa escola de fútbol para a través das xornadas de libre acceso á cativada nada entre os anos 2006 a 2020.
Deste xeito, os rapaces poderán realizar as sesións de adestramento e despois valorar a súa incorporación ao club. Estas xornadas, totalmente gratuítas, van destinadas a todas as categorías coas que o club contará para a próxima campaña para así poder formar os equipos biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil.
Os xogadores rexistrados nestas xornadas de proba, que arrincarán o luns 6 de maio. poderán reservar posteriormente a súa praza para a campaña próxima no momento que o desexen, en función das dispoñibles, xa que primeiramente terán prioridade de reserva de praza os actuais membros do club.
Os días adestramento destas xornadas serán coincidindo cos actuais adestramentos desta campaña e así os interesados poidan coñecer aos que serían os seus compañeiros de equipo para a próxima tempada así como aos adestradores da estrutura do club, os cales contan con titulación oficial de fútbol pola RFGF. Realizaranse nos campos municipais José María Rodríguez Lago, nas Gándaras, onde durante toda a tempada o club desenvolve a súa actividade.
Como campaña de iniciación ao deporte, o Sagrado Corazón volverá ofertar nesta próxima tempada a categoría biberón como gratuíta, polo que os nenos dos anos 2019 e 2020 terán cota de 0 euros. Todos os nenos externos ao club e que queiran probar nestas xornadas poden facelo inscribíndose na ligazón: https://lc.cx/V02WqO