O Salón do vehículo de ocasión e quilómetro 0 amplía a súa apertura no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo

LugoXa
A feira ofrece cinco días de actividade con descontos especiais, charlas sobre o mundo do motor e música en directo
Pazo-de-Feiras-e-Congresos-Lugo-coches-ocasión
13 Mar 2026

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo atópase xa inmerso na segunda gran quenda da súa feira do motor, dedicada en exclusiva ao Salón de Vehículo de Ocasión e Quilómetro 0.

A programación da fin de semana comezará o sábado ás 12:00 horas coa charla 'Coches de onte e dúbidas de hoxe'. A intervención abordará a evolución do mundo do motor, desde unha época na que a compra dun coche estaba marcada pola paixón e o simbolismo da liberdade ata a realidade actual, na que os compradores toman decisións máis condicionadas por criterios económicos e polas etiquetas ambientais.

O relatorio tamén analizará a realidade particular da provincia de Lugo, cunha fonda tradición no ámbito dos rallyes e unha xeografía extensa na que o coche continúa sendo esencial para a mobilidade diaria, unha situación que contrasta co endurecemento das normativas europeas e coa implantación das zonas de baixas emisións.

Xa pola tarde do sábado, ás 17:30 horas, subirá ao escenario o divulgador e creador de contido automobilístico Iván Cabanas, coñecido nas redes sociais como Motortips e seguido por máis de dous millóns de persoas. A súa intervención consistirá nunha sesión práctica dirixida a compradores interesados en vehículos de segunda man, na que explicará os principais aspectos que cómpre revisar antes de adquirir un coche para evitar problemas posteriores.

O domingo ás 12:00 horas o protagonismo recaerá no talento vinculado á alta competición cunha charla que contará coa participación de Joaquín Expósito, director do CIFP As Mercedes, e do piloto lucense José Alonso Liste, participante no European Hill Climb Championship. A conversa servirá para poñer en valor o ciclo formativo de competición do centro lucense, un proxecto de alta especialización que se desenvolve coa colaboración de empresas para as prácticas do alumnado.

Durante a sesión explicarase o papel dos estudantes neste proxecto, xa que son os propios alumnos quen acompañan ao piloto nas carreiras e se encargan da preparación técnica do seu vehículo, asumindo responsabilidades propias dun equipo profesional e traballando en condicións reais de competición.

Todas estas actividades estarán acompañadas de música en directo a cargo de DJ Ello, que ambientará o recinto o sábado e o domingo con sesións programadas de 12:30 a 14:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas.

O recinto abrirá as súas portas o mércores e o xoves de 16:00 a 20:00 horas e, de venres a domingo, de 10:30 a 14:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas. As entradas poden adquirirse de forma anticipada a través da web oficial do evento e, ademais de evitar colas no acceso, os compradores participarán no sorteo de dúas entradas en palco para o partido que disputarán o Río Breogán e o Baxi Manresa o próximo 28 de marzo.

0.11894702911377