O San Froilán 2025 abrirase do 26 de setembro ao 12 de outubro con prezos reducidos no Día da Infancia

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro, mantivo un encontro con representantes dos barraquistas que ocuparán os postos do Recinto Feiral do San Froilán 2025.
Ferreiro confirmou que o recinto estará aberto entre o 26 de setembro e o 12 de outubro, e anunciou a celebración do Día da Infancia, unha iniciativa proposta polos propios empresarios do sector que permitirá ofrecer prezos reducidos nese día para atraer a familias e público infantil.
A edil destacou a importancia do diálogo e a escoita activa cos sectores implicados para garantir un San Froilán que beneficie tanto aos traballadores como ás persoas que o visitan, valorando moi positivamente o acordo para establecer esta xornada con descontos.
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou as bases para a concesión dos espazos do recinto, que contará con 160 parcelas entre stands de venda, xogos de habilidade e atraccións. Os prezos de licitación varían segundo o tamaño e a finalidade de cada espazo, desde 160 euros para un pequeno posto de venda ata 13.643 euros para a atracción máis grande, situada nas costas do Parque, cunha superficie de 43x19 metros.